A web oficial do concello de Carballo

Carballo súmase á campaña contra o cancro de mama cun mes de actividades de visibilización, sensibilización e apoio

A colocación dunha pancarta no exterior do mercado municipal da visibilidade á campaña que a xunta local da Asociación Contra o Cancro en Carballo desenvolve durante todo o mes de outubro arredor do Día Mundial contra o Cancro de Mama, que se conmemora o 19 de outubro. Co lema O cancro de mama tomámolo a peito, a iniciativa convida á veciñanza a implicarse na sensibilización sobre a enfermidade e no apoio ás persoas afectadas e ás súas familias.

O alcalde, Daniel Pérez, e o concelleiro de Feiras e Mercados, Ramón Varela, uníronse á directiva da asociación local, encabezada por Ana Casais, para facer visible unha vez máis o apoio do Concello de Carballo.

A programación de outubro comezou o domingo 4 coa andaina solidaria Carballo en marcha contra o cancro, que partiu da praza do Concello cun percorrido de cinco quilómetros. Pero, tras a colocación da pancarta este xoves, xa están fixadas as próximas citas:

  • 15 de outubro. Instalación dunha mesa solidaria na rúa Coruña, coincidindo co mercado semanal, na que a cidadanía poderá achegarse e colaborar coa asociación.
  • 29 de outubro. Charla Previr, apoiar e acompañar. Descubre os servizos da Asociación Española Contra o Cancro en Carballo, destinada a dar a coñecer os recursos de apoio da entidade.

A campaña lembra que as necesidades das persoas con cancro van máis alá do tratamento médico. Neste sentido, a Asociación Contra o Cancro ofrece servizos gratuítos para pacientes e familiares, entre eles atención psicolóxica, atención social e apoio e acompañamento. A charla do día 29 será unha oportunidade para coñecer os recursos aos que se pode acceder desde Carballo e resolver dúbidas sobre a súa utilización.

A entidade dispón tamén do teléfono gratuíto 900 100 036, operativo as 24 horas do día, os sete días da semana, para ofrecer información e orientación.

O Concello anima á veciñanza a participar nas actividades deste mes e a colaborar co labor da asociación, para reforzar unha rede de solidariedade e apoio que debe manterse durante todo o ano.