A web oficial do concello de Carballo

Carballo presenta en Madrid a transformación do ámbito dos Baños Vellos como exemplo de recuperación do espazo público

O Concello de Carballo estivo presente este mércores en Madrid no Laboratorio de Innovación Urbana organizado por MATCOAM, o departamento do Colexio Oficial de Arquitectos de Madrid especializado en materiais e solucións para a edificación e o espazo urbano. O concelleiro de Planificación Urbana, Juan Seoane, presentou a experiencia de transformación do ámbito dos Baños Vellos como un caso práctico de recuperación do espazo público no centro urbano.

O punto de partida era un espazo moi condicionado polo vehículo privado, con tráfico de axitación, problemas de accesibilidade, pouco espazo para a estancia e baixa calidade ambiental. A resposta municipal comezou coa elaboración, en 2020, do Plan Director dos Baños Vellos, sustentado nun estudo detallado da mobilidade, o espazo público, a actividade económica, a accesibilidade e a participación cidadá.

Juan Seoane explicou o proceso de transformación realizado nas rúas Pontevedra, Ourense, Estrela, Baños Vellos e Lugo, que integran un ámbito cunha forte identidade histórica ligada á presenza do balneario. O concelleiro resumiu a filosofía da actuación nunha idea: transformar a rúa para recuperar o barrio, facendo o espazo urbano máis accesible, aumentando as posibilidades de camiñar e permanecer nel, incorporando máis vexetación e recuperando a relación coa historia dos Baños Vellos.

A xornada reuniu estudos especializados en deseño urbano, paisaxismo e urbanismo táctico, representantes municipais, empresas vinculadas aos materiais e solucións urbanas e á Rede de Cidades que Camiñan. O encontro foi concibido como un espazo para compartir boas prácticas arredor de retos como a adaptación climática, a sustentabilidade, a accesibilidade, a circularidade e a inclusión social. MATCOAM desenvolve, precisamente, unha liña de actividades arredor da innovación aplicada á cidade e ao espazo urbano.

As experiencias e conclusión do Laboratorio de Innovación Urbana serán recompiladas por MATCOAM nun informe e incorporadas ao seu repositorio de casos de estudo e recursos sobre innovación urbana.