A web oficial do concello de Carballo

Presentamos o renovado equipo de limpeza viaria do Concello de Carballo e a nova marca que identifica os servizos municipais

O Concello de Carballo asinou hai xa 21 anos o primeiro contrato de prestación de servizos cunha empresa de economía social, e, deste xeito, Aspaber converteuse en maio do 2004 no primeiro centro especial de emprego en acceder a unha concesión para un servizo municipal de limpeza viaria mediante concurso público, coa singularidade de ter un equipo integrado maioritariamente por persoas con discapacidade intelectual.

En abril do 2024, tras un novo proceso de licitación pública, Aspaber asinou contrato por dez anos máis co Concello de Carballo, que inviste cada ano 555.867,57 euros no servizo de limpeza viaria. Este venres 6 de xuño de 2025, no marco da Semana do Medio Ambiente, presentamos o equipo de medios humanos e materiais que se encarga de manter as rúas, os espazos públicos, o mobiliario urbano e elementos do patrimonio etnográfico como as fontes e os lavadoiros públicos nas mellores condicións.

No acto, que se celebrou na Praza do Concello, participaron o alcalde, Evencio Ferrero, que agradeceu ao persoal de Aspaber o seu traballo e dedicación, e outros membros do goberno municipal, así como representantes da empresa e as 25 persoas que integran o equipo humano do servizo de limpeza viaria. Xunto ás persoas, que constitúen a parte fundamental do servizo, tamén presentamos os medios materiais dos que disporán para prestalo nas mellores condicións:

  • Vehículos eléctricos: dous triciclos con pedal asistido, ideais para tarefas de proximidade, e dúas hidrolimpadoras, unha delas deseñada para a recollida de pólas, herba ou excrementos, e outra para lavado con auga quente e fría.
  • Maquinaria avanzada: dúas varredoras e unha moderna decapadora que utiliza auga quente a presión para un lavado máis efectivo dos pavimentos.
  • Ferramentas a batería, que reducen a contaminación atmosférica e acústica.

O servizo conta cun sistema de xeolocalización da maquinaria, o que permite un uso máis eficiente e un control preciso das operacións. Ademais, este sistema incorpora apoios personalizados para as persoas con maiores necesidades, promovendo a inclusión dentro do equipo.

A presentación do servizo de limpeza viaria tamén permitiu dar a coñecer a nova marca dos servizos municipais: Ser Carballo, que non é só a abreviatura de Servizos Carballo, senón tamén un xeito de ser, contribuíndo a que os servizos públicos no noso concello sexan un sinónimo de calidade de vida e benestar social.