A web oficial do concello de Carballo

Carballo acollerá este ano catro probas deportivas que reforzan o peso do noso concello no mundo do motor

O circuíto municipal de Carballo acollerá neste 2025 catro probas deportivas que reforzan o peso do noso concello no mundo do motor, entre elas dúas do campionato galego de autocross e unha do estatal. Pero este ano, ademais, o noso concello será a sede principal do Rally Terra de Galicia, que se celebrará do 4 ao 6 de setembro cun percorrido total de 375 quilómetros que pasará tamén polos concellos de Arteixo, Cerceda, A Laracha, Malpica e Ponteceso.

Avanzouno o presidente do club Rally Coruña, Ernesto Rumbo, na presentación do 20º Autocross Carballo, que se celebra este sábado 7 de xuño, e que reunirá no circuíto municipal a un total de 71 pilotos. Na presentación participaron tamén o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro Luis Lamas, gran afeccionado a este deporte e asiduo ás competicións de autocross que se celebran no circuíto municipal.

Ernesto Rumbo agradeceu a colaboración que vén prestando o Concello de Carballo unha edición tras outra e abriu á porta a estender esa cooperación a novas actividades, desde cursos de seguridade viaria ata competicións doutro tipo de vehículos. Neste sentido, o presidente de Rally Coruña cualificou a pista de Bértoa como “espectacular”, que se suma ao “gran tecido deportivo que hai en Carballo”, o que dá como resultado unha oferta crecente e de calidade.

Tanto Luis Lamas como Evencio Ferrero destacaron a alta participación na proba deste sábado, e o alcalde expresou o seu desexo “de que o circuíto de Bértoa se convirta nese gran referente, un reto que teremos que asumir pouco a pouco”.

Calendario de competicións no circuíto municipal

  • 7 de xuño: campionato galego
  • 11 de xullo: campionato de España
  • 4, 5 e 6 de setembro: Rally Terra de Galicia
  • 27-28 de setembro: campionato galego