O Concello de Carballo pon en marcha unha nova campaña para fomentar a compostaxe doméstica e facilitará de balde novos composteiros á veciñanza que cumpra os requisitos establecidos.
A iniciativa está dirixida a persoas que residan nunha vivenda unifamiliar cunha parcela ou horta de polo menos 25 metros cadrados e forma parte das actuacións municipais destinadas a incrementar a eficiencia na xestión dos residuos de competencia municipal.
Cada composteiro ten unha capacidade de 400 litros e está pensado para permitir o tratamento dos restos orgánicos no propio fogar e a súa transformación en compost, para reducir deste xeito a cantidade de residuos que deben incorporarse ao sistema municipal de recollida.
Para garantir o seu correcto funcionamento, recoméndase situalo no exterior da vivenda, nunha zona sombreada e protexida das condicións meteorolóxicas máis adversas e, preferiblemente, baixo unha árbore de folla caduca. O composteiro debe estar ademais en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos que participan no proceso de descomposición.
Con esta actuación, o Concello quere poñer en valor as vantaxes ambientais, económicas e sociais da compostaxe doméstica e recuperar ao mesmo tempo unha práctica tradicional moi presente no rural galego, como é a separación e aproveitamento dos restos orgánicos, incorporando sistemas máis cómodos, hixiénicos e eficientes.
As persoas interesadas poden informarse chamando ao 981 704 100 ou a través da web municipal, www.carballo.gal. As solicitudes deben presentarse no Rexistro Municipal, ben de forma presencial ou ben de xeito telemático a través do Rexistro Electrónico. Os impresos poden descargarse máis abaixo.
A campaña está cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027.
