A web oficial do concello de Carballo

O proxecto “Carballo na memoria” chega a Rus

O proxecto Carballo na memoria continúa o seu percorrido polo territorio municipal, e chega agora á parroquia de Rus.

Todas as persoas que o desexen poderán achegarse desde calquera lugar de dentro ou fóra do concello para compartir os seus recordos. Se tes fotos, escanearanse e documentaranse no mesmo momento e levaralas de volta para a casa. Se tes gravacións de vídeo ou son, o proceso é máis complexo, pero tamén se fará copia e devolveráseche o orixinal nun prazo breve. O traballo de recompilación realizarase a partir das 11.00 horas no centro social, e estenderase ao longo do día o tempo que sexa preciso en función das achegas.

Carballo na memoria é un proxecto fundamentalmente social que se fará máis e máis grande a partir da participación das carballesas e dos carballeses. Pretende non só recuperar a memoria fotográfica da capital de Bergantiños, senón tamén darlle valor engadido a través da publicación das imaxes nunha nova páxina web que estamos a elaborar. Para iso é imprescindible a túa colaboración, porque só a través das achegas veciñais é posible ir completando a colección de recordos individuais co que queremos crear un gran álbum colectivo. Así que anímate a ir sacando esas fotos que gardas no caixón para que pasen a formar parte do patrimonio de todas e todos.

No field defined for this product.