A praia de Razo volverá converterse esta fin de semana nun gran punto de encontro arredor da gastronomía coa celebración da segunda edición de Onda Bocata, o festival do bocadillo gourmet, que se desenvolverá do venres 25 ao domingo 27 de setembro.
A iniciativa foi presentada este luns no Museo de Bergantiños coa participación do alcalde de Carballo, Daniel Pérez, e do vicepresidente da Deputación da Coruña e concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Regueira, xunto con representantes da organización e dos establecementos participantes.
Onda Bocata regresa despois da boa acollida da primeira edición cunha proposta máis ampla, na que participarán once establecementos hostaleiros. Todos eles partirán dun ingrediente común e especialmente ligado ao municipio, o pan de Carballo, para crear bocadillos elaborados con produtos de proximidade e de calidade.
Asador La Base, AXamonería, Espazo Gastro, La Fugazzeta, Maloserá, Melao, Mesón do Pulpo, Neira, O Lambón, Pura Kixen e Terra conforman nesta ocasión unha oferta gastronómica moi diversa, desde carnes e produtos do mar ata propostas con inspiración internacional e alternativas veganas.
Para o Concello de Carballo, Onda Bocata ten tamén unha importante vertente de dinamización turística e económica. A celebración do festival a finais de setembro permite prolongar a actividade na costa máis alá dos meses de maior afluencia e avanzar nun dos obxectivos da política turística municipal: desestacionalizar as visitas e consolidar Razo como destino durante máis meses do ano. Gastronomía, paisaxe e lecer convértense así en ferramentas para seguir atraendo público unha vez rematada a tempada alta.
O alcalde, Daniel Pérez, destacou precisamente esa capacidade da cita para “alongar o verán” e xerar actividade nun momento do ano no que tradicionalmente diminúe a presión turística. Pérez subliñou tamén a expectación xerada por unha segunda edición que chega despois do éxito da primeira e agradeceu a implicación dos establecementos participantes, da organización e do equipo técnico.

Pola súa banda, Xosé Regueira puxo en valor a capacidade da hostalería carballesa para transformar un produto aparentemente sinxelo nunha proposta gastronómica de primeiro nivel. “Un bocata pode ser un manxar e, neste caso, feito con produtos de proximidade”, afirmou. O vicepresidente provincial salientou tamén as novidades desta edición, entre elas a instalación dun toldo, así como a programación complementaria con degustación de vermú, sesións de DJ e un posto de xeados de Xearte Brigitte.
A organización contará ademais cunha carpa e música durante as tres xornadas para acompañar a actividade gastronómica e crear un ambiente festivo e familiar.
Once bocadillos para escoller
A oferta desta segunda edición estará formada por once creacións diferentes:
- Terra Bar: Terra e Fume, con base de pulled pork.
- Pura Kixen: Kebab Galego, con lacón e toques orientais.
- O Lambón: Porco Lambón, con touciño entrefebrado mechado.
- Asador La Base: Boi La Base, elaborado coa súa coñecida carne de boi.
- Mesón do Pulpo: entrepán de polbo e gambas.
- Espazo Gastro: Furia Sando, a partir de milanesa de polbo galego.
- AXamonería: molete artesán de rixóns.
- Maloserá: CC Creamy Chicken, tamén con versión vegana.
- La Fugazzeta: Estrela Celta, con xamón asado e cervexa galega.
- Melao: Bocata Meloso, cun toque de queixo afumado galego.
- Neira: Cacheira Smash.
O festival abrirá o venres 25 de 18.30 a 23.00 horas, continuará o sábado 26 de 12.30 a 23.00 horas e despedirase o domingo 27 de 12.30 a 17.00 horas.
Durante tres días, Razo volverá reunir gastronomía, música, paisaxe e convivencia, nunha proposta que reivindica tanto o talento da hostalería carballesa como o valor dos produtos de proximidade e dun dos espazos máis emblemáticos do concello.