O Concello de Carballo súmase un ano máis á conmemoración do Día Mundial do Alzhéimer, que se celebra cada 21 de setembro, cun programa de actividades que combina a creatividade, a sensibilización social e a divulgación arredor das enfermidades cognitivas.
A Concellaría de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística organiza para o propio luns 21 de setembro, ás 11.30 horas, nas Escolas do Xardín Agra de Caldas, o obradoiro creativo Debuxar as letras, que será impartido por Alba Farto.
A actividade, destinada a persoas con enfermidades cognitivas, achegaralles a técnica do lettering, unha disciplina baseada no debuxo creativo das letras que permite traballar dun xeito lúdico aspectos como a concentración, a motricidade, a expresión artística ou a creatividade.
Con esta proposta, o Concello pretende contribuír á conmemoración do Día Mundial do Alzhéimer desde o ámbito cultural e creativo, ademais de favorecer a participación das persoas afectadas por deterioro cognitivo en actividades adaptadas e estimulantes.
A programación comezará o domingo 20, ás 12.30 horas, cunha misa en recordo das persoas afectadas, oficiada polo párroco José García Gondar e coa participación da Coral Ribeira do Anllóns.
Xa o luns 21, entre as 10.00 e as 13.00 horas, AFABER instalará unha mesa informativa na rúa Coruña, coa finalidade de achegar á cidadanía información sobre o Alzhéimer e outras demencias, así como sobre os recursos e servizos de apoio ás persoas afectadas e ás súas familias.
A xornada pecharase ás 21.00 horas coa iluminación nocturna de edificios públicos de distintos concellos da comarca. En Carballo celebrarase ademais un encontro na Praza do Concello, nun xesto simbólico destinado a dar visibilidade ás persoas que conviven coa enfermidade e ás súas familias.
Deste xeito, Carballo volve sumarse á conmemoración dunha xornada que busca incrementar a concienciación social sobre o Alzhéimer e outras demencias, visibilizar ás persoas afectadas e ás súas familias e lembrar a importancia do acompañamento, os coidados e a investigación.
O almacenamento ou acceso técnico é estritamente necesario co fin lexítimo de permitir o uso dun servizo específico solicitado expresamente polo abonado ou usuario, ou coa única finalidade de realizar a transmisión dunha comunicación a través dunha rede de comunicacións electrónicas.