A web oficial do concello de Carballo

De landras a carballos: tarde de contos con Raquel Queizás

18/09/2026
18:00
Escolas do Xardín Agra de Caldas

As Escolas do Xardín Agra de Caldas acollen unha nova proposta de narración oral coa actriz e contadora Raquel Queizás, que presenta Dámoslle a volta ao conto, un espectáculo para público a partir de 5 anos no que a memoria familiar, os contos tradicionais e a igualdade se entrelazan para ofrecer unha mirada diferente sobre as historias que nos acompañaron durante xeracións.

A sesión parte dunha figura moi próxima á propia narradora: a súa avoa. Unha muller que con só 14 anos xa traballaba para contribuír ao sustento da familia, que non puido ir á escola pero que resolvía os cálculos de cabeza e que, ao caer a noite, montaba na burra para atravesar a raia seca e regresar de Portugal cargada de café, aceite, sabas e outros produtos do estraperlo.

Unha historia de vida que serve a Raquel Queizás para reivindicar a tantas mulleres anónimas, valentes, autónomas e revolucionarias, que durante décadas sostiveron familias e comunidades e cuxa memoria non sempre atopou espazo nos relatos oficiais.

Pero Dámoslle a volta ao conto vai máis alá. A partir das historias que lle transmitiu a súa avoa, Queizás recupera tamén contos nos que as mulleres son donas do seu destino e os homes poden liberarse da máscara da masculinidade, expresar os seus sentimentos e mostrar a súa sensibilidade.

A proposta convida así a revisar os relatos tradicionais desde unha perspectiva actual, cuestionando os papeis que historicamente se asignaron a mulleres e homes e demostrando que os contos tamén poden ser unha ferramenta para educar en igualdade, liberdade e respecto.

A actividade, cunha duración aproximada de 45 minutos, celebrarase nas Escolas do Xardín Agra de Caldas e está pensada para público familiar a partir dos 5 anos.

A entrada é libre e de balde.

Non hai campos definidos para este produto.