Razo acollerá este sábado 19 de setembro a primeira edición da Atlantis Race Concello de Carballo, unha carreira de obstáculos que reunirá preto de 400 participantes nun percorrido deseñado para combinar a esixencia deportiva coa espectacularidade da paisaxe litoral.
A competición foi presentada hoxe no Concello de Carballo nun acto no que participaron o alcalde, Daniel Pérez; o concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Regueira; a técnica de Turismo, Maite Parga, e os encargados da organización, Sara Gómez, Álvaro Sánchez e Oliver Castro.
A Atlantis Race nace cun elevado nivel deportivo e con vocación de continuidade. A organización confía en que a proba poida consolidarse en Razo e dar novos pasos nas vindeiras edicións, coa aspiración de acoller no futuro un Campionato de España de carreiras de obstáculos.
A competición ofrecerá modalidades adaptadas a distintos niveis, desde as categorías máis esixentes ata unha proba popular, individual ou por equipos, pensada para que máis persoas poidan achegarse a esta disciplina. A primeira saída está prevista para as 14.00 horas, e as distintas quendas sucederanse ao longo da tarde.
Unha estratexia para ampliar a temporada turística
O concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Regueira, enmarcou a celebración da Atlantis Race na estratexia municipal para ampliar a temporada turística no litoral máis alá dos meses centrais do verán. “Queremos que a temporada non remate en agosto, senón que haxa actividade de calidade en Razo ata finais de outubro”, explicou o concelleiro, que lembrou que a Atlantis Race é a primeira de tres grandes citas programadas neste período. A proba continuará a semana seguinte coa segunda edición do Onda Bocata Fest e, xa a mediados de outubro, co Campionato do Mundo de Surf Máster, que se celebrará por primeira vez en Razo.

“Agardamos que esta primeira edición se consolide e que poida seguir celebrándose aquí durante moitos anos. Arranca cun altísimo nivel, tanto polo traballo de produción e todo o que se está preparando como pola participación”, sinalou Regueira. O concelleiro destacou tamén a aposta por un turismo deportivo, saudable e de alcance internacional. “O deporte é seguramente o mellor escaparate para promocionar un destino que quere ser un destino de calidade. As persoas que veñan descubrirán un territorio magnífico e unha paisaxe única, e confiamos en que regresen para pasar uns días de descanso”, engadiu.
Un dos circuítos máis espectaculares da Península
En representación da organización, Álvaro Sánchez agradeceu a colaboración do Concello de Carballo e destacou as condicións excepcionais que ofrece Razo para este tipo de competicións. “Parécenos un contorno idílico para calquera deporte, pero sobre todo para unha proba destas características. Cremos que vai ser un dos circuítos máis bonitos e espectaculares da Península”, afirmou.
A organización pretende que a Atlantis Race teña continuidade en Carballo e que siga medrando nas próximas edicións. “Agardamos que sexa unha proba que chegue para quedar e que no futuro poidamos facer aquí un gran campionato. Gustaríanos organizar en Razo un Campionato de España”, explicou Álvaro Sánchez.
A pesar de tratarse da primeira edición, a proba contará xa con corredoras e corredores de gran nivel. Entre as participantes estará a actual campioa de España, campioa de Europa de distancia curta e cuarta clasificada mundial. Na categoría masculina participarán tamén deportistas internacionais procedentes de países como Portugal, Suíza ou Italia. “Para ser unha primeira edición, que sempre é máis complicado poñer en marcha, vai ser unha proba que pegue forte. Estamos seguros de que as persoas participantes van querer repetir”, concluíu.
Pola súa banda, Oliver Castro salientou que o principal atractivo da competición é o propio contorno polo que discorrerá o trazado. “Hai carreiras que nacen para dar a coñecer un lugar, pero Razo non necesita ser descuberto. É un contorno impresionante, fagamos os planos que fagamos e vaiamos por onde vaiamos”, apuntou.
Segundo explicou, o circuíto está pensado para aproveitar as posibilidades deportivas e paisaxísticas da zona. “É un lugar que chama a vir correr e a volver. Queremos poñer os dentes longos a moita xente que non poderá participar nesta primeira edición, pero que, cando vexa todo o que temos preparado, vai querer vir o ano que vén”, indicou.
Deporte, promoción do territorio e actividade económica
O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, destacou a expectación que a Atlantis Race está a xerar antes mesmo da súa celebración e asegurou que “non pode haber un lugar mellor para unha proba destas características. O percorrido _engadiu_ non só permitirá gozar da competición, senón tamén dun trazado pegado ao mar e dunhas sendas incribles, que servirán para que as persoas que veñen de fóra coñezan un pouco máis a beleza do noso territorio e da nosa costa”.

Daniel Pérez incidiu tamén na importancia de fomentar o deporte como hábito de vida saudable e, ao mesmo tempo, como instrumento de dinamización económica. “Estas probas xeran un movemento de persoas que veñen competir, coñecer o territorio, comer e hospedarse aquí, e que seguramente volverán”, apuntou.
O alcalde felicitou a organización pola iniciativa e pola elección de Razo e Carballo para poñer en marcha “unha proba tan atractiva e tan demandada polas persoas que practican esta modalidade. Estou seguro de que a Atlantis Race se vai consolidar, de que as corredoras e corredores gozarán da experiencia e de que teremos moitas máis edicións no futuro”, concluíu Daniel Pérez.