A web oficial do concello de Carballo

Aberto ata o 13 de xuño o prazo de matrícula nas escolas infantís públicas

Xa está aberto o prazo para que as familias podan formalizar a matrícula do curso 2025-2026 nas escolas infantís da rede pública autonómica, na cal figuran As Landras e A Braña. A documentación pode presentarse ata o día 13 de xuño.

As familias deberán presentar o impreso de matrícula cos datos debidamente cubertos xunto coa copia da cartilla de vacinación do neno. Este trámite pode realizarse tanto a través da sede electrónica da Xunta ou no centro no que se obtivera a praza.

O inicio do curso nos centros de 0 a 3 anos da Administración autonómica está fixado para o día 5 de setembro. Este será o cuarto ano consecutivo no que a atención educativa de 0 a 3 anos será de novo gratuíta en todas as escolas infantís de Galicia tanto nas públicas, como nas privadas e nas de iniciativa social. 

Listaxes de agarda

Deste xeito, unha vez iniciadas as matriculacións as listaxes de agarda iranse modificando e depurando, realizando novos chamamentos para prazas vacantes. Isto débese á duplicidade das solicitudes, xa que moitas familias poden figurar en varias listaxes de diferentes escolas e tamén en escolas infantís doutras administracións e entidades.