A web oficial do concello de Carballo

Unha ducia de entidades, colectivos e equipos científicos colaboraron no programa Eu quero Razo-Baldaio para seguir revalorizando o litoral carballés

Co obradoiro Na procura das pegadas dos animais, celebrado este sábado no centro social de Lema, chegou ao seu remate unha nova edición de Eu quero Razo-Baldaio, o programa impulsado polo Concello de Carballo para promover durante todo o verán o coñecemento, o respecto e a conservación do litoral.

Desde o 4 de xullo ata o 5 de setembro desenvolvéronse 34 accións: actividades de interpretación ambiental e divulgación científica, voluntariado, creación artística, deporte, benestar, astronomía ou seguridade no medio natural. Unha diversidade que permitiu aproximarse a Razo e Baldaio desde perspectivas moi diferentes, pero cun fío común: coñecer mellor o territorio para aprender a valoralo e protexelo.

O alcalde, Daniel Pérez, considera que precisamente nesa variedade está unha das fortalezas do programa. “Eu quero Razo-Baldaio propón outra maneira de relacionarnos coa costa. Non se trata só de vir á praia, senón de descubrir todo o que hai nela e ao seu redor, entender a súa enorme riqueza e tamén a súa fraxilidade. Se conseguimos que quen participa nunha actividade marche coñecendo un pouco mellor Razo e Baldaio, teremos dado un paso máis para garantir a súa conservación”, sinala.

A edición deste ano contou coa participación dunha ducia de entidades, colectivos e equipos científicos, ademais de artistas, especialistas e persoal dos servizos municipais. Senda Nova, ADEGA, Grupo Naturalista Hábitat, Limpocean, Acciona, o Club de Xadrez O Toque Xiria, Protección Civil ou Aprende a través do surfing volveron demostrar a importancia da colaboración entre o Concello e o tecido asociativo, ambiental e social. A eles sumáronse, entre outros, o GRICA-BIOpast da Universidade da Coruña ou o centro Namasté.

Da sensibilización á acción

Un dos obxectivos fundamentais de Eu quero Razo-Baldaio é que a sensibilización ambiental non quede só no discurso. Por iso, parte da programación estivo directamente orientada á participación cidadá na conservación do litoral.

Eu quero Razo-Baldaio - recollida de tarugos

A recollida de tarugos e lixo mariño ou as dúas xornadas de limpeza colectiva da marisma de Baldaio permitiron actuar directamente sobre a contorna, ao tempo que se chamou a atención sobre o impacto dos residuos nos ecosistemas costeiros. A esta filosofía responde tamén Praia Pallet, a iniciativa posta en marcha este verán con cinco puntos para facilitar a recollida colaborativa de lixo nas praias.

“Queremos unha cidadanía que coñeza o valor do litoral, pero tamén que se sinta parte activa do seu coidado”, explica o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales. “Unha ruta, unha limpeza da marisma, observar unha ave ou aprender a identificar unha especie invasora poden parecer experiencias moi distintas, pero todas conducen ao mesmo lugar: comprender que conservar Razo e Baldaio é unha responsabilidade compartida”.

Boa parte das actividades estiveron precisamente dedicadas a descubrir a biodiversidade e o funcionamento dos ecosistemas costeiros. Houbo propostas arredor da flora invasora e das árbores autóctonas, os mamíferos mariños, as avelaíñas, a fauna e flora das dunas, as pozas intermareais, a marisma, as aves ou as pegadas e indicios dos animais. A programación permitiu así achegarse tanto ás especies máis emblemáticas, como a píllara das dunas, coma a outras formas de vida moito menos coñecidas.

A ciencia sae dos laboratorios

Unha das principais novidades desta edición foi o reforzo da divulgación científica, en colaboración coa Concellaría de Innovación.

O programa arrancou precisamente con dous obradoiros do Grupo de Investigación en Cambio Ambiental e Paleobioloxía (GRICA-BIOpast) da Universidade da Coruña, integrados no proxecto europeo Talento quilómetro cero (TALK0). Os centros sociais de Lema e Imende convertéronse en pequenos laboratorios nos que persoas de todas as idades puideron traballar con pole fósil, paleoecoloxía e cristalografía. As dúas primeiras convocatorias colgaron o cartel de completo e reuniron 37 participantes.

A mesma vontade de sacar o coñecemento dos espazos académicos estivo detrás do nacemento de SolxCiencia, que levou a divulgación científica aos establecementos hostaleiros e que nesta primeira edición puxo o foco no eclipse do 12 de agosto, coa participación de investigadores e especialistas en astronomía.

Para o concelleiro de Innovación, Iván Andrade, esta incorporación “demostra que ciencia e educación ambiental teñen moitísimo en común. Entender como cambiaron os ecosistemas ou coñecer os procesos naturais que temos diante axúdanos tamén a tomar decisións máis conscientes sobre o territorio. O obxectivo é que a ciencia forme parte da vida cotiá e que resulte accesible para todas as idades”, apunta.

Gozar do litoral tamén é aprender a coidalo

Eu quero Razo-Baldaio tamén pretende demostrar que a conservación é compatible cun uso social e turístico respectuoso da costa. Nesa liña inscribíronse propostas que ampliaron considerablemente os perfís do público e as formas de achegarse á contorna.

As oito sesións de ioga nas praias de Razo e Pedra do Sal, abertas durante xullo e agosto, foron unha das actividades con mellor resposta. O programa incorporou ademais xadrez ao aire libre, fotografía e ilustración de natureza, os obradoiros artísticos A túa píllara e O teu arroaz, a experiencia Noite baixo as estrelas ou a ruta Monte Neme na noite. A dimensión cultural e patrimonial tamén estivo presente en percorridos como En busca da orixe, que relacionou xeoloxía, historia e paisaxe, ou nas propostas creativas que utilizaron o debuxo e a expresión artística para mirar con outros ollos a biodiversidade costeira.

Eu quero Razo-Baldaio - Ioga na Pedra do Sal

A programación incluíu igualmente actividades relacionadas coa seguridade e a convivencia no medio natural, como o simulacro de asistencia a varamentos de mamíferos mariños ou o simulacro de salvamento realizado polo servizo municipal de socorrismo na praia de Razo.

Un litoral que se estende máis alá da praia

Outra das características da edición foi a utilización de distintos escenarios. Razo e Baldaio concentraron boa parte da actividade, pero o programa chegou tamén aos centros sociais de Lema e Imende, ao Espazo da Natureza de Oza, a Pedra do Sal ou Monte Neme.

Deste xeito, Eu quero Razo-Baldaio amplía a propia idea de litoral, incorporando as parroquias costeiras, o patrimonio, as zonas húmidas, os sistemas dunares e os espazos interiores que forman parte dunha mesma realidade ambiental.

O Concello pecha máis de dous meses de programación reafirmando a filosofía coa que naceu Eu quero Razo-Baldaio: crear hábitos de turismo consciente e promover a valorización da contorna desde a convicción de que canto máis se coñece un territorio, máis se respecta.

A participación de tantas entidades e a diversidade das 34 accións realizadas permiten, ademais, consolidar o programa como unha plataforma estable de colaboración entre administración, cidadanía, tecido asociativo e comunidade científica arredor dun obxectivo compartido: preservar o extraordinario patrimonio natural de Razo e Baldaio sen renunciar a gozalo.