A web oficial do concello de Carballo

Antonio Porteiro, nomeado Xograr de Outono do FIOT 2026

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, outorgará este 2026 o premio Xograr de Outono a Antonio Porteiro, responsable técnico do festival desde hai 25 anos e unha das persoas imprescindibles para entender a historia e o presente desta cita imprescindible coas artes escénicas galegas. O galardón mantén así o seu propósito de recoñecer anualmente traxectorias fundamentais para o sector e, nesta ocasión, pon o foco nunha profesión esencial que permanece habitualmente fóra dos focos: a dos equipos técnicos que fan posible que o teatro aconteza.

Nesta edición, as xograresas e xograres do FIOT queren recoñecer en Antonio Porteiro unha maneira de entender o oficio baseada na profesionalidade, na confianza, na capacidade de traballo e, sobre todo, en facer posible o imposible. Durante un cuarto de século, Antonio traballou man a man co festival para sacar adiante cada edición, cada espectáculo e cada necesidade técnica, converténdose nunha peza fundamental dun equipo que fai realidade a programación do FIOT. Porque, como el mesmo adoita dicir con retranca cando un reto parece imposible, “queredes meter un pé do 45 nun zapato do 36”. E Antonio faino posible.

O seu compromiso transcende, ademais, o propio festival. Desde a súa empresa, Sonpress, que fundou e dirixe, leva décadas contribuíndo ao desenvolvemento do tecido cultural da comarca e colaborando con profesionais e proxectos de toda Galicia e do resto do Estado. A súa traxectoria e a súa forma de traballar convertérono nun profesional especialmente querido e respectado polos equipos técnicos que pasan por Carballo, procedentes de diferentes lugares de España e tamén do estranxeiro.

A súa actitude alegre, próxima, facilitadora e sempre disposta a buscar solucións fai de Antonio unha figura técnica de referencia da nosa escena. Un deses profesionais que coidan cada detalle para que, cando comeza unha función, todo pareza sinxelo. Para que a luz estea, o son chegue, o escenario funcione e a creación artística poida brillar.

Con este Xograr de Outono, o FIOT quere recoñecer a Antonio Porteiro, pero tamén poñer en valor todas as profesións técnicas que sosteñen as artes escénicas: son, iluminación, maquinaria, escenografía, montaxe, produción e tantos outros oficios imprescindibles para que cada espectáculo chegue ao público.

Porque o teatro é moito máis ca quen escribe, dirixe ou interpreta. Tamén é quen está detrás, quen coida, quen resolve e quen fai posible que a maxia suceda. E no FIOT, esa maxia leva 25 anos contando con Antonio Porteiro.

Sobre Antonio Porteiro

Antonio Porteiro é fundador de Sonpress, empresa especializada no ámbito técnico e audiovisual, e leva décadas vinculado á produción técnica de espectáculos e eventos culturais. Ao longo da súa traxectoria colaborou con numerosos proxectos e profesionais do sector, construíndo unha sólida reputación pola súa experiencia, capacidade de resolución e compromiso co traballo en equipo.

No FIOT é responsable técnico desde hai 25 anos, unha relación que o converte nunha das persoas que máis profundamente coñecen o festival e que contribuíron a facelo posible edición tras edición.

Presentación da 35 edición do FIOT - Nomeamento de Antonio Porteiro como Xograr de Outono © Vanessa Rabade
Presentación da 35 edición do FIOT - Nomeamento de Antonio Porteiro como Xograr de Outono