As Xornadas Carballo na Memoria incorporan este ano unha das súas principais novidades: as Rutas polo patrimonio invisible de Carballo, dúas propostas guiadas polo historiador e dinamizador cultural Hadrián García que permitirán descubrir espazos, elementos e historias moi vinculados á evolución da vila, pero que non sempre están á vista ou son coñecidos pola cidadanía.
A primeira ruta celebrarase o xoves 17 de setembro, ás 21.00 horas, e consistirá nunha visita nocturna á casa do concello. O percorrido permitirá coñecer de preto dous elementos singulares do edificio consistorial: o reloxo da casa do concello, que foi instalado hai xusto 50 anos, e o arquivo municipal.
A segunda proposta terá lugar o martes 22 de setembro, ás 19.00 horas, con saída desde a Praza do Concello, e estará centrada en dous capítulos fundamentais da historia urbana de Carballo: a primeira traída de augas e as augas termais.
Con estas dúas actividades, Carballo na Memoria amplía este ano a súa maneira de achegarse ao pasado local. Non só a través de documentos, fotografías ou investigacións históricas, senón tamén percorrendo fisicamente espazos e infraestruturas que explican como se foi configurando o Carballo actual.
As rutas forman parte da programación das Xornadas Carballo na Memoria 2026, que este ano teñen como fío condutor os 190 anos da constitución do Concello de Carballo e que se desenvolverán do 3 ao 24 de setembro.
A participación nas rutas require inscrición previa no formulario inferior.
O almacenamento ou acceso técnico é estritamente necesario co fin lexítimo de permitir o uso dun servizo específico solicitado expresamente polo abonado ou usuario, ou coa única finalidade de realizar a transmisión dunha comunicación a través dunha rede de comunicacións electrónicas.