A web oficial do concello de Carballo

Berocasión acelera en Carballo con 16 expositores e máis de 500 vehículos á venda no Rego da Balsa

A zona do Rego da Balsa acollerá os días 28, 29 e 30 de agosto a 21ª edición de Berocasión, a maior feira ao aire libre de vehículos de ocasión de Galicia. A cita, organizada pola Asociación de Empresarios de Bergantiños (Axober) coa colaboración do Concello de Carballo e da Deputación da Coruña, reunirá este ano 16 expositores e máis de 500 vehículos. Representantes de todos os concesionarios achegáronse hoxe ata a Praza do Concello para a presentación do evento xunto co presidente de Axober, Diego Iglesias; o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, e o alcalde, Daniel Pérez.

Durante os tres días de feira, as persoas visitantes poderán coñecer unha ampla oferta de turismos, SUV e vehículos comerciais de diferentes gamas, prezos e características. Entre as propostas tamén haberá vehículos seminovos, de quilómetro cero, híbridos e eléctricos, todos eles revisados, con garantía e dispoñibles para entrega inmediata.

O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, destacou que a continuidade e o crecemento de Berocasión poñen de manifesto «a fortaleza, o dinamismo e a profesionalidade do sector da automoción de Carballo e da comarca. Chegar á 21ª edición e reunir máis de cincocentos vehículos nun mesmo espazo demostra que estamos ante unha feira plenamente consolidada e ante un sector que ten un peso moi importante na economía e no emprego local», sinalou.

Daniel Pérez destacou tamén que Berocasión «contribúe a reforzar a capitalidade comercial de Carballo, xa que atrae durante toda a fin de semana persoas procedentes doutros concellos e mesmo doutras provincias, cun efecto positivo non só sobre as empresas participantes, senón tamén sobre o comercio, a hostalaría e o conxunto da vila».

O concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, incidiu igualmente na fortaleza do sector da automoción local e na capacidade de Carballo para actuar como referente máis alá da propia comarca. «Carballo segue sendo un referente para un territorio moi amplo no ámbito da automoción. Temos empresas fortes, profesionais e cunha oferta moi diversa, e Berocasión permítenos mostrar todo ese potencial nun único espazo», indicou.

Regueira agarda que a feira volva converterse nunha cita de referencia para as persoas que están pensando en cambiar de vehículo ou adquirir o seu primeiro coche. «O obxectivo é que, cando remate esta edición, volvamos contabilizar cifras récord e que Berocasión continúe avanzando como unha das grandes feiras do sector en Galicia», afirmou.

O concelleiro tamén chamou a atención sobre a evolución das preferencias das persoas consumidoras e sobre a presenza cada vez maior das novas tecnoloxías de mobilidade. «Será interesante comprobar o peso que acadan nesta edición os vehículos híbridos e eléctricos dentro das demandas do público. A transición cara a formas de mobilidade máis eficientes é un camiño que debemos seguir impulsando, e o sector da automoción de Carballo tamén está preparado para dar resposta a esa transformación», engadiu.

Pola súa banda, o presidente de Axober, Diego Iglesias, destacou que esta nova edición «reafirma o compromiso co sector da automoción, un dos piares económicos da comarca, e consolida Berocasión como un importante dinamizador económico, apostando polo comercio de proximidade e reunindo nun mesmo espazo as empresas da zona para facilitar o contacto directo coa clientela».

Unha edición precedida por cifras récord

Berocasión chega á súa 21ª edición despois dos excelentes resultados acadados en 2025, cando se formalizaron 114 operacións de venda, un 60 % máis que no ano anterior. O volume de facturación superou os dous millóns de euros, cun prezo medio duns 18.000 euros por vehículo.

Desde o Concello e Axober confían en que a edición deste ano permita manter esa evolución positiva e seguir atraendo público de toda Galicia, nunha feira que se caracteriza pola variedade da oferta, a atención directa das empresas e a posibilidade de comparar numerosos modelos e condicións nunha mesma visita.

Sorteos por valor de 1.300 euros

Como novidade, Berocasión incorpora este ano dous sorteos destinados a incentivar as compras e a crear sinerxías entre a automoción e a hostalaría local.

Todas as persoas que adquiran un vehículo nalgún dos 16 expositores participantes entrarán no sorteo de 12 vales mensuais de combustible de 100 euros, cun valor total de 1.200 euros, que poderán ser utilizados na estación de servizo Shell As Labradas.

Ademais, as persoas que consuman nos establecementos hostaleiros adheridos recibirán papeletas para participar no sorteo dun vale de 100 euros para gastar na hostalaría local.

Os dous sorteos celebraranse o domingo 30 de agosto, ás 20.00 horas, coincidindo coa clausura da feira.

Berocasión poderá visitarse no Rego da Balsa desde o venres 28, ás 10.00 horas, ata o domingo 30, ás 20.00 horas.