O pavillón Vila de Noia acolle este 31 de maio o I Torneo Club Rítmica Carballo, que pretende converterse nun gran escaparate do labor que vén facendo nas dúas últimas temporadas a entidade. A súa presidenta, Manuela Velo; a vicepresidenta, Fátima Suárez, e as adestradoras Carla Jove e Alba Varela presentaron esta primeira edición da competición acompañadas polo alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Deportes, Daniel Pérez, que puxo en valor o traballo do club e reiterou a colaboración municipal tanto para esta coma para outras actividades que poidan desenvolverse.
O torneo reunirá no noso concello máis de 400 ximnastas de 18 clubs galegos. Rítmica Carballo terá 160 representantes, 159 nenas e un neno. A incorporación de máis nenos é, precisamente, un dos obxectivos que se marca a xunta directiva, que insiste en que “hai espazo para todos”.
A competición desenvolverase en horario de mañá, mentres que para a tarde está prevista unha exhibición. “É unha oportunidade moi boa para darse a coñecer, e tamén para que nos vexan na casa e para que coincidan todas as ximnastas”, algo que poucas veces pasa, porque ao competir en distintas categorías non coinciden, e ao mesmo tempo supón unha gran ilusión, “porque é como xogar na casa”, apuntaron desde a xunta directiva.
A xornada terá tamén unha parte social. Despois de colaborar coa Cruz Vermella nas galas de Nadal, nesta ocasión haberá un posto da Asociación Princesa Rett. Ademais, entre bloque e bloque de competición realizaranse sorteos de agasallos doados polas empresas patrocinadoras. Desde o club agradeceron a súa colaboración e tamén a do Concello de Carballo.
O alcalde expresou as súas felicitacións polo bo traballo que se está a facer, e destacou que, malia ser unha entidade “con pouco percorrido”, xa que esta é a súa segunda temporada, “ten xa unha gran dimensión social”. Ao mesmo tempo destacou o traballo que supón asumir o reto de organizar unha competición deste tipo, e manifestou o seu desexo de que “sirva para poñer a ximnasia rítmica de escaparate para o conxunto da sociedade e para poñer en valor o traballo que está a facer o club”.