O Concello de Carballo admitiu a totalidade das solicitudes presentadas dentro do prazo ordinario para participar no programa Concilia durante o curso escolar 2026-2027. En total son 232 solicitudes, 30 máis ca no curso pasado, o que supón un novo incremento da demanda deste servizo municipal destinado a facilitar a conciliación da vida laboral e familiar.
Por centros, o CEIP Bergantiños concentra o maior número de solicitudes, con 107: 42 con servizo de almorzo, 35 sen almorzo e 30 para días soltos. No CEIP Fogar foron admitidas 101 solicitudes, das que 35 inclúen almorzo, 49 corresponden á modalidade sen almorzo e 17 son para días soltos. No CEIP Gándara-Sofán contabilízanse outras 24: 4 con almorzo, 7 sen el e 13 para días soltos.
Deste xeito, 172 nenos e nenas están inscritos para utilizar o Concilia durante o curso completo, fronte aos 162 do ano pasado, e outros 60 farán uso do programa en días soltos, 20 máis que no curso 2025-2026.
A estas cifras súmanse seis solicitudes específicas para o servizo durante os primeiros días do mes de setembro, ata o inicio do curso escolar.
Un recurso para o día a día das familias
O programa Concilia é un servizo municipal pensado para dar resposta ao desfase que en moitas ocasións existe entre os horarios laborais e escolares. Funciona durante todo o período lectivo e permite que as familias deixen aos nenos e nenas nos seus centros educativos a partir das 07.00 horas.
Durante ese tempo, o alumnado está atendido por un equipo de monitores e monitoras que desenvolve actividades de lecer e tempo libre. As familias que o precisen poden optar tamén por un almorzo saudable antes do inicio das clases.
O servizo continúa activo nos períodos vacacionais, agás durante o verán, nas instalacións da empresa concesionaria.
A partir do mes de outubro e durante todo o curso escolar permanecerá aberto un segundo prazo de matrícula, tanto para novas incorporacións como para solicitudes de utilización en días soltos.
A listaxe de bonificacións concedidas poden consultarse no taboleiro de anuncios e na ligazón inferior.