A web oficial do concello de Carballo

A campaña especial “Este verán doa sangue. Un alento de vida” chega a Carballo

Do 06/08/2026 ata o 08/08/2026
10:00
Praza do Concello

A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), en colaboración co Concello de Carballo, mobilizará a súa unidade móbil de doazón á localidade os vindeiros xoves 6, venres 7 e sábado 8 de agosto. A iniciativa forma parte da campaña especial Este verán doa sangue. Un alento de vida, que ten como obxectivo sensibilizar á poboación e manter un nivel óptimo de reservas sanguíneas nos hospitais galegos durante os meses estivais.

O verán é habitualmente a época do ano na que máis difícil resulta acadar as doazóns necesarias debido aos desprazamentos por vacacións e ao cambio de rutinas. Non obstante, a actividade hospitalaria non se detén: os hospitais galegos precisan entre 400 e 500 doazóns diarias para atender arredor de 2.800 urxencias, máis de 800 intervencións cirúrxicas e máis de 1.600 atencións en hospitais de día cada xornada.

A unidade móbil estará situada na Praza do Concello de Carballo co seguinte horario:

  • Xoves, 6 de agosto: de 10:00 a 14:00 h e de 16:00 a 21:00 h.
  • Venres, 7 de agosto: de 10:00 a 14:00 h e de 16:00 a 21:00 h.
  • Sábado, 8 de agosto: de 10:00 a 15:00 h.

Cada doazón de sangue permite obter tres compoñentes fundamentais (glóbulos vermellos, plasma e plaquetas) que poden axudar a mellorar a saúde ou salvar a vida de ata tres enfermos. En total, prevese que nos meses de verán se atendan en Galicia a máis de 6.500 pacientes que requiren tratamentos con compoñentes sanguíneos.

Recomendacións para as persoas doadoras

  • Requisitos: ter entre 18 e 70 anos, pesar máis de 50 kg e gozar de boa saúde.
  • Documentación: é imprescindible levar o DNI, a tarxeta de doador ou un documento oficial acreditativo.
  • Alimentación e hidratación: non acudir en xaxún. Podes doar despois de almorzar ou, se é despois de xantar, agardar 2 horas. Recoméndase beber líquidos abundantes (auga ou refrescos) antes de doar.

 

Tanto dende ADOS coma dende o Concello de Carballo faise unha chamada ao tecido asociativo, deportivo e veciñal para difundir a iniciativa e sumar esforzos nesta cita solidaria.

 

FLYER GALEGO verán 2026 REVES
FLYER CARBALLO VERÁN
CARBALLO A3 (1)

Non hai campos definidos para este produto.