A web oficial do concello de Carballo

O Rexenera Fest 2025 levará a arte mural a cinco novos espazos urbanos entre o 29 de maio e o 8 de xuño

Carballo prepárase para acoller unha nova edición do Rexenera Fest, o Festival Internacional de Arte Pública, que se celebrará do 29 de maio ao 8 de xuño. A décimo primeira edición do evento volverá transformar as rúas da cidade nun espazo de creación compartida, coa participación de cinco artistas nacionais e internacionais que intervirán noutras tantas localizacións da vila.

Artistas convidadas do Rexenera Fest 2025

A artista galega Raquel Germade intervirá na rúa Rosalía de Castro, 14. O seu estilo experimental transita entre o deseño gráfico, a pintura abstracta e a ilustración, sempre á procura de novas maneiras de expresión. Baixo unha apariencia fauvista e, por veces, naif, aborda temáticas como o feminismo ou a consciencia ecolóxica, conectando así a estética co compromiso social.

Desde Sevilla chega Zesar Bahamonte, que realizará o seu mural na rúa Gran Vía, 154. Na súa obra, a forma e a cor son os piares do seu pensamento artístico. A través delas retrata a “xente que fai e deixa facer”, exaltando as relacións humanas –o amor, a amizade, a creación– como vías para reconectar coa nosa natureza e fuxir dun mundo crecente de frivolidade e virtualidade. As súas paletas vibrantes e formas libres dialogan sempre co contexto que as acolle.

A artista finlandesa Anetta Lukjanova deixará a súa pegada na rúa Begoñas, 50. O seu traballo mergúllase no realismo máxico contemporáneo, fundíndoo coa ilustración dixital e a xestualidade da pintura ao óleo clásica. Nas súas obras entrelázanse imaxes lentas e rápidas, creando unha tensión poética que convida á introspección.

Zane Prater, desde os Estados Unidos, intervirá na rúa Gran Vía, 95. A súa práctica combina debuxo, pintura, instalacións terrestres e murais a gran escala. Inspirado pola ilustración botánica e o deseño, Prater explora a nosa relación co mundo natural, tecendo pontes entre o urbano e o orgánico e propoñendo harmonías posibles entre ambos mundos.

Finalmente, Galleta María, artista valenciana residente en Barcelona, realizará a súa intervención na rúa Colombia, 16. Formada en Belas Artes e completando estudos en Bos Aires, traballa na confluencia entre deseño, ilustración, muralismo e arte urbano. O seu estilo destaca pola forte implicación con temáticas sociais, que incorpora ao seu discurso visual cunha estética fresca e directa.

Actividades paralelas

Como en edicións anteriores, o Rexenera Fest aposta tamén por implicar á veciñanza e ao público visitante con actividades complementarias que permiten achegarse ao proceso creativo e reflexionar sobre o papel da arte no espazo público.

O programa desta edición inclúe clases maxistrais, impartidas por Nico Barrios, centrada na rotulación e o lettering sobre parede, e por Yoseba MP, baixo o título “Retrato friki: cando as series eran ao mediodía”.

Haberá tamén rutas guiadas polos murais realizados nas rúas de Carballo ao longo das diferentes edicións do festival e unha sesión vermú, que terá lugar o domingo 8 de xuño, como acto de peche desta edición.

A cultura da arte urbana como ferramenta de dinamización

O concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Regueira, destacou que “o Rexenera Fest é unha das nosas apostas máis firmes pola cultura da arte urbana como ferramenta de dinamización, creatividade e participación”. “Ano tras ano vemos como os murais pasan a formar parte da paisaxe emocional de Carballo e como o festival esperta interese e orgullo na veciñanza”, concluíu o concelleiro.

Desde o Concello de Carballo convídase á veciñanza e ás persoas visitantes a participar activamente nun festival que fai da arte unha experiencia viva, diversa e integradora, e que continúa a consolidarse como un referente no ámbito da arte urbana a nivel internacional.