A web oficial do concello de Carballo

A corporación municipal aproba unha modificación orzamentaria para acometer obras en varios centros educativos

A corporación municipal vén de aprobar un suplemento de crédito por importe de 50.000 euros para acometer obras en varios centros educativos. En concreto, a modificación permitirá crear unha nova aula no CEIP A Cristina para atender as necesidades de escolarización para o curso 2025-26, instalar un soportal na escola unitaria de Mirón-Bértoa, cambiar a porta de entrada da escola da Rega-Bértoa e substituír os portalóns de entrada do CEIP Gándara-Sofán. O acordo foi adoptado cos votos a favor do BNG e o PP, mentres que o PSOE abstívose.

Os catro primeiros puntos da orde do día foron aprobados por unanimidade: acta da sesión anterior, coa obxección do PP porque considerou que non debeu celebrarse polo apagamento eléctrico na península; acordo regulador das condicións de emprego do persoal funcionario e convenio colectivo, e a solicitude de compatibilidade presentada por un profesor do Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo.

Un dos asuntos centrais da sesión ordinaria correspondente ao mes de maio foi o plan económico-financeiro para o período 2025-26, que saíu adiante cos votos a favor do BNG e o PSOE, mentres que o PP abstívose. Tal como explicou a concelleira delegada de Facenda, Belén Lendoiro, o plan non vai recortar a capacidade económica do Concello de Carballo senón que, paradoxalmente, no próximo orzamento elevarase o teito de gasto.

A proposta de estatutos da entidade de conservación, xestión e modernización do polígono de Carballo foi outra das cuestións que saíu adiante por unanimidade, e serviu ademais para poñer en valor o traballo do empresariado local e para poñer sobre a mesa, unha vez máis, a urxencia da ampliación do parque industrial.

O último debate xirou arredor da moción do PP sobre o financiamento do sistema de atención á dependencia. O BNG presentou una emenda para incluír dous apartados máis, o incremento da achega da Xunta de Galicia ata os 20 euros e que se recupere a obriga do informe social, pero foi rexeitada polos populares. A iniciativa saíu adiante co apoio de PP e BNG e o voto en contra do PSOE.

A sesión completa, no vídeo.