As bibliotecas municipais constitúen un dos principais referentes culturais do noso concello, como demostran as 53.555 visitas que recibiron o ano pasado. Nestes momentos, entre Rego da Balsa e Agra de Campos suman 10.115 persoas inscritas, é dicir, máis do 30% da poboación.
O 2024 foi un ano de moita actividade no departamento que dirixe a concelleira Ángeles Pacoret: incorporáronse ao catálogo 1.870 documentos novos, realizáronse 24.738 préstamos e organizáronse 156 actividades, e como consecuencia de todo iso rexistráronse 563 socios/as novos/as, o maior número dos últimos anos.
O catálogo das bibliotecas municipais de Carballo está composto agora mesmo por 42.478 documentos, dos cales 38.209 pertencen ao fondo bibliográfico: 15.241 destinados ao público infantil e 22.968 ao público adulto. O servizo máis utilizado é o de préstamo, o que demostra que a oferta literaria está ao día e é atractiva para a veciñanza. O ano pasado aumentaron un 9,2% os préstamos de libros, pero, curiosamente, a medida que se le máis diminúe a demanda de películas e música, probablemente debido á influencia das plataformas de subscrición.
Entre a rapazada predominan os títulos en galego, mentres que as persoas adultas len máis en castelán, sobre todo intriga e novela negra.
O fomento da lectura tradúcese tamén no auxe dos clubs de lectura. Nestes momentos hai 5 en funcionamento, que abranguen todas as idades. A participación é moi alta en todas as actividades, como demostran as 6.666 persoas asistentes ás 156 organizadas o ano pasado: 4.398 nenos/as e 2.268 adultos/as.




