A web oficial do concello de Carballo

Carballo e Coristanco destacan o valor da colaboración institucional na apertura do obradoiro de emprego Lubiáns II

O Fórum Carballo acolleu o acto de apertura do obradoiro de emprego Lubiáns II, a segunda iniciativa conxunta dos concellos de Carballo e Coristanco que pon de relevo a importancia de sumar esforzos na creación de oportunidades laborais. O acto contou coa presenza dos dous alcaldes, o carballés Daniel Pérez e o coristanqués Juan García; ademais de varios membros de ámbalas corporacións; a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o director territorial da Consellería de Emprego, Juan José Couce.

A cooperación intermunicipal e a calidade do programa formativo centraron as intervencións. O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, agradeceu o investimento da Xunta e destacou a obriga das institucións de “dotar de oportunidades ás persoas: oportunidade para emprender, para reorientar a vida laboral… e este obradoiro é unha oportunidade para vós”, dixo, dirixíndose ao alumnado.

O rexedor de Coristanco, Juan García, amosouse profundamente emocionado por dar continuidade a este proxecto común. “As persoas maiores tamén soñamos, e aos servidores públicos ás veces cúmprensenos os soños. Nós soñabamos con ter un obradoiro e iso foi posible dende o ano pasado. Carballo _apuntou_ podería presentarse só, pero optou por este proxecto en común”. Nese sentido, quixo dedicar un sentido recordo a Evencio Ferrero por sentar as bases de dita colaboración. García subliñou que os traballos que vai realizar o alumnado “son actuacións que poderíamos comprar, pero non terían o mesmo valor emocional”, e aplaudiu que a Xunta de Galicia prime as iniciativas que nacen dende a unión de concellos.

“Carballo podería camiñar só, pero o importante é camiñar xuntos para ofrecer esas oportunidades á veciñanza”, insistiu o alcalde de Carballo, que tamén tivo palabras de agradecemento para o persoal administrativo e o profesorado.

Nesta mesma liña, o concelleiro de Formación e Emprego, Iván Andrade, sumouse a destacar a excelente sintonía co Concello de Coristanco e lanzou unha mensaxe directa aos participantes: “O único que pedimos é que aproveitedes ao máximo esta oportunidade, porque a experiencia dinos que a xente que pasa por aquí acaba con traballo”.

Medio millón de euros para inserción e obra pública

A delegada territorial, Belén do Campo, destacou o investimento de máis de medio millón de euros que realiza a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración no Obradoiro Lubiáns II. Desa contía, 47.000 euros destinaranse a incentivar con ata 3.000 euros ás empresas que contraten ao alumnado e con 1.500 euros aos concellos por cada inserción laboral acadada.

Durante nove meses, das 20 persoas desempregadas que participan na iniciativa, oito formaranse en atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e doce, en montaxe e instalación de construcións de madeira, e combinarán as clases teóricas coa formación práctica. “Son dúas especialidades importantes, con saídas importantes”, apuntou Belén do Campo, que agradeceu a colaboración das entidades onde vai facer as prácticas o alumnado de atención sociosanitaria: a residencia de Aspaber, a asociación Íntegro e os centros de día de Carballo e A Laracha.

Pola súa banda, os futuros traballadores e traballadoras do sector da madeira realizarán os seguintes proxectos: en Carballo, melloras nos elementos de carpintería das dúas edificacións do Horto Ecolóxico e fabricación do mobiliario interior do Mercado Municipal. En Coristanco, centraranse na Praza de Santa Marta, onde instalarán os elementos de madeira dunha nova pista multideporte e executarán a cuberta do palco da música.