A Xunta de Galicia, a través da Oficina Técnica da Seca, vén de activar a situación de prealerta por escaseza moderada de auga na conca do río Anllóns, o que afecta directamente a Carballo e a outros municipios da contorna. No noso concello, a existencia dunha dobre captación de auga no Anllóns e no Bardoso garante o subministro.
Pero, malia que a situación é de normalidade, ante as previsións dun verán seco, actívase este protocolo de seguimento intensivo na conca do Anllóns.
Que implica para os veciños e veciñas de Carballo?
Neste escenario de prealerta non hai restricións drásticas no consumo, pero si é fundamental a colaboración de toda a cidadanía para evitar problemas no futuro. Prégamos que fagades un uso da auga o máis responsable posible.
Recomendacións para o fogar:
- Evita os consumos prescindibles: non utilices auga potable para o enchido de piscinas, lavado de coches ou o rego de hortas e xardíns.
- Dúchate en vez de bañarte, pecha a billa mentres lavas os dentes ou te afeitas, e utiliza as funcións ‘eco’ na lavadora e no lavalouzas.
Medidas municipais
Seguindo as recomendacións de Augas de Galicia, o Concello tamén traballará para minimizar o consumo de auga en servizos municipais non esenciais, como poden ser o baldeo de rúas ou o rego de parques públicos.
A auga é un ben escaso e o río Anllóns precisa que o coidemos. Cada gota conta!