A web oficial do concello de Carballo

O goberno municipal valora de xeito moi positivo a aprobación do trazado da variante, unha obra estratéxica pola que Carballo leva esperando 17 anos

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitou hoxe Carballo para anunciar a publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) da aprobación do proxecto de trazado da futura variante de Carballo. Unha infraestrutura que contará cun investimento autonómico de 22 millóns de euros e unha lonxitude de 3,6 quilómetros, deseñada nunha primeira fase para dar saída directa ao tráfico do polígono industrial de Bértoa cara ás estradas de Ordes e Santiago.

Daniel Pérez valorou positivamente o avance administrativo dunha obra “estratéxica” pola que Carballo leva esperando 17 anos, e destacou que a Xunta de Galicia “sempre vai atopar neste Concello e neste alcalde a máxima lealdade institucional para colaborar, arrimar o ombreiro e axilizar o que faga falta”. Pero tamén incidiu en que a variante transcende o ámbito dunha simple obra viaria. “Para Carballo é unha necesidade vital e un eixe estrutural para o noso desenvolvemento económico, pero por riba de todo, é unha cuestión de seguridade viaria e calidade de vida“, sinalou.

A futura vía conectará de forma directa o polígono de Bértoa —verdadeiro motor económico da comarca— coas estradas de Ordes e Santiago, liberando o centro urbano do tránsito de vehículos pesados. O alcalde incidiu especialmente no impacto positivo que terá sobre zonas de alta sensibilidade social e residencial como A Milagrosa e O Chorís: “É urxente sacar os camións de ámbitos urbanos onde se concentran diariamente milleiros de persoas, de xeito moi especial nas contornas do IES Alfredo Brañas, o CEIP Fogar e o complexo deportivo municipal Vila de Noia”.

A nova estrada configurarase como unha vía convencional con circulación en ambos sentidos e ligazóns mediante glorietas, dividida en dous tramos (o primeiro, de 2.850 metros, entre a AC-552 e a AC-413, e o segundo, de 800 metros, entre a AC-413 e a DP-1914), e incluirá estruturas complexas como un viaduto sobre o río Anllóns.

Respecto aos prazos, Daniel Pérez lembrou que na súa última visita o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, fixou o horizonte tanto da variante coma da ampliación do parque empresarial para o ano 2028: “Esa sería unha magnífica nova para Carballo, e por iso imos ser esixentes”. Nese sentido, o alcalde expresou o desexo de que a vindeira visita da conselleira sexa “co casco posto” para dar inicio definitivo ás obras.