A Concellaría de Medio Ambiente puxo en marcha a mediados de marzo unha campaña informativa para intentar frear o depósito incontrolado de residuos voluminosos, no que se está a notar un incremento nos últimos tempos. “Para todo o que non ten cabida no contedor nin na natureza hai espazo no punto limpo. Usalo é de balde” é a mensaxe directa que se transmite a través dos paneis que se están a colocar semanalmente nos puntos negros que se van localizando e tamén dun folleto informativo que chegará aos fogares carballeses nas vindeiras semanas.
Agora imos un paso máis alá, cunha campaña de información a pé de contedor para intentar resolver as dúbidas da cidadanía sobre a separación de residuos, os horarios e os lugares de depósito. Os concelleiros de Medio Ambiente e Servizos, Miguel Vales, e Policía, Juan Seoane, mantiveron unha xuntanza de coordinación coa empresa concesionaria do servizo, Urbaser, para establecer o desenvolvemento da campaña, que arrincou este venres e continuará durante as próximas semanas.
O persoal encargado de achegar esa información á veciñanza percorrerá as rúas de martes a sábado, en horario de 19.00 a 24.00, para realizar un seguimento do tipo de residuos que se depositan en cada contedor e, no caso de detectar prácticas pouco axeitadas, ofrecer aos veciños e veciñas as pautas necesarias para corrixilas e darlles a coñecer as posibles sancións establecidas tanto na ordenanza municipal coma nas leis de rango superior. A finais de cada mes presentarán un informe que permitirá saber cales son os puntos negros e centrar neles o labor de control e información.
“A maioría dos veciños e veciñas respectan as normas de depósito das distintas fraccións do lixo, pero temos que intentar chegar a esas persoas que, por descoñecemento ou calquera outro motivo, non o fan”, indicou Miguel Vales. O concelleiro de Medio Ambiente e Servizos destacou a importancia de realizar unha correcta separación en orixe e un depósito adecuado para mellorar a xestión dos residuos e conseguir que o noso concello siga avanzando cara a consecución dos obxectivos de sustentabilidade establecidos na Axenda 2030.
Pero ademais é fundamental reducir o volume de lixo que enviamos a Sogama, xa que por cada tonelada hai que pagar 108 euros, unha cifra que se reduce á metade no caso dos residuos orgánicos, de aí a importancia de fomentar o uso do colector marrón. «Temos que ser quen entre todos de separar o lixo para reducir o custe do seu tratamento», sinalou o concelleiro, que fixo un chamamento á colaboración cidadá.