O Trofeo Concello de Carballo reunirá o 24 de maio en Carballo unha ampla representación da canteira do ciclismo do noroeste peninsular. A clásica proba, que organiza o Club Ciclista Carballo Vázquez y Reino, non só atrae aos equipos galegos, senón que en cada edición amplía o seu ámbito de influencia. Para este 2025 está confirmada a presenza do Emico-Bembibre, de Castela e León, que acudirá con oito cadetes, o Maguisa Guijuelo e o Zamora Enamora.
Os detalles fixéronse públicos este xoves na presentación da proba, na que participaron a presidenta do Club Ciclista, Vanesa Loureiro; o concelleiro de Deportes, Daniel Pérez, e o alcalde, Evencio Ferrero. Aínda que o prazo de inscrición está aberto ata o mércores da semana que vén, está prevista a participación de máis de 200 deportistas.
O Trofeo Concello de Carballo encherá de cor as rúas e estradas do noso concello. Para que non perdas o espectáculo, aquí tes os horarios:
- 16:00 horas. Cadetes. Proba en estrada: 52,9 km, con saída da avenida da Milagrosa cara Coristanco – Rus – Carballo (2 voltas) e na 3º volta Coristanco – Rus – Artes e Carballo. Esta proba conta con dous premios especiais: Premio de Montaña en A Pifaina e Metas Voantes Muebles Luis e Panadería Añón.
- 17.45 horas. Xincana na pista deportiva da Milagrosa
- 18:00 horas. Alevíns. 3 voltas ao circuíto (6,57 km en total)
- 18:30 horas. Infantís. 7 voltas ao circuíto (15,33 km)
- 19:15 horas. Promesas e principiantes. 1 volta ao circuíto circuíto urbano de 1,1 quilómetros que percorre as rúas da contorna da Praza da Milagrosa.
- 19:45 horas. Entrega de trofeos
O Club Ciclista Carballo conta coa colaboración de Protección Civil de Carballo e Coristanco, Policía Local de Carballo, Garda Civil e preto de 30 persoas voluntarias. Na folla de ruta que acompaña esta información atoparedes horarios, percorridos e todos os detalles técnicos sobre a proba, que reunirá en Carballo o futuro do ciclismo galego. Non perdas o espectáculo!