A web oficial do concello de Carballo

Remataron as obras de aglomerado na vía das Labradas á Ponte de Bértoa e xa están en marcha as da Piña ao Moucho

O Concello de Carballo ten en marcha cinco proxectos de aglomerado de vías consideradas estruturais, cun investimento total de dous millóns de euros.

A estrada que enlaza As Labradas (Carballo) coa Ponte de Bértoa xa está plenamente operativa, a falta de completar a sinalización. As obras, cun orzamento de 207.666,23 euros, permitiron regularizar o trazado e mellorar a seguridade ao longo dos 2.050 metros de vía, que nalgúns puntos ampliouse para conseguir unha media de seis metros de ancho en todo o percorrido. En total pavimentouse unha superficie de 12.900 metros cadrados.

As obras foron executadas pola empresa Vázquez y Reino, que está a traballar agora na estrada do Moucho (Verdillo) á Piña (Sofán), ata onde se achegaron o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Participación Veciñal, Daniel Pérez. Neste caso o investimento acada os 381.297,90 euros, e permitirá acondicionar a capa de rodaxe ao longo dos 3.900 metros de vía. A actuación terá carácter discontinuo debido a que parte do trazado discorre polo concello da Laracha. En total pavimentarase unha superficie de 21.097,50 m2. Tamén están incluídas no proxecto a drenaxe de pluviais e a sinalización.

Antes do verán tamén se rematará a vía de Arnados (Razo) a Sambade (Rebordelos), que ten un orzamento de 576.614 euros. A actuación será moi semellante ás anteriores, con ampliación do ancho da calzada onde sexa posible, limpeza de gabias e unha capa de aglomerado nunha superficie de 26.000 metros cadrados. E tanto en Arnados coma no Igrexario de Lema está previsto realizar a pavimentación con formigón, seguindo o modelo que estamos a utilizar nos núcleos rurais tradicionais.

A cuarta actuación en marcha é a segunda fase da vía que enlaza as parroquias de Rus e Entrecruces. Despois do investimento realizado entre A Canosa e O Pereiro Vello, que superou os 230.000 euros, agora tamén se vai aglomerar o treito que vai desde O Pereiro Vello ata Outón, cun orzamento de 391.797,88 euros. O investimento total nesta vía superará, polo tanto, os 600.000 euros. A actuación desenvólvese ao longo de 3.330 metros de vía do mesmo xeito que as anteriores, con limpeza de gabias, drenaxe e estendido de aglomerado nunha superficie de 22.725 metros cadrados.

A estas catro estradas súmase a que enlaza a rotonda do polígono industrial de Bértoa coa da estrada de Razo, cun orzamento de 541.218 euros para a primeira fase. Este primeiro treito da nova vía terá 800 metros de lonxitude e case 14 metros de ancho, con dous carrís de circulación de 3,20 metros de ancho, beiravías de 1,20 metros, cunetas de 1 metro e unha senda mixta, para ciclistas e peóns, de 3 metros de ancho, pola marxe dereita da vía. Para contribuír á seguridade das persoas usuarias da senda tamén está prevista no proxecto a instalación de alumeado. Ademais, ao longo deste itinerario mixto plantaranse 35 árbores.