A web oficial do concello de Carballo

Carballo deseña o seu futuro edificio de entidades sociais: un complexo de 7,8 millóns de euros aberto á cidadanía e á vangarda arquitectónica

O Concello de Carballo deu hoxe un novo paso cara a creación do edificio municipal de entidades sociais coa presentación do proxecto arquitectónico. A proposta foi exposta directamente ás asociacións que ocuparán as instalacións polos arquitectos redactores do proxecto, Jorge García Anta e Fernando Eiroa Lorenzo, do estudo LCG Estudio de Arquitectura S.L.P.

O acto contou coa presenza do alcalde de Carballo, Daniel Pérez; a concelleira de Servizos Sociais, Maica Ures, e outros membros do goberno local, ademais de representantes do tecido asociativo do municipio. A construción deste complexo estratéxico será financiada integramente pola Fundación Amancio Ortega, cun investimento de 7,8 millóns de euros.

O proxecto non se limita a propor un inmoble administrativo, senón que concibe a infraestrutura como un espazo público aberto á cidadanía e integrado na contorna urbana. Deseñado baixo os máximos estándares construtivos e de eficiencia, o inmoble destaca polos seus acabados de alta calidade e un enfoque de espazo flexible, capaz de adaptarse ás necesidades cambiantes das entidades no futuro.

Urbanisticamente, o complexo conéctase co tecido da vila, xerando espazos complementarios de transición, como unha praza pública concibida como unha infraestrutura verde, ou patios exteriores.

Distribución funcional e programa de usos

O edificio articúlase a través dun acceso xenérico en planta baixa e distribúe os seus usos de forma eficiente e accesible aproveitando a topografía e as diferentes frontes das rúas:

  • Planta baixa (acceso por rúa Vázquez de Parga / Darwin): Albergará un gran espazo multiusos e de conferencias, un patio central de luces e as instalacións do centro de día para doentes de alzhéimer, que disporá de salas de rehabilitación, psicoloxía e atención controlada aberta cara un espazo exterior protexido. No deseño das zonas de tránsito interiores predominan os revestimentos de madeira e a entrada de luz natural filtrada.
  • Á altura da rúa Méndel (planta semisoto): grazas ao desnivel do terreo, esta zona contará cun acceso independente para o centro loxístico, os almacéns xerais e as dependencias de Cruz Vermella.
  • Plantas superiores (torres e espazos comúns): as plantas elevadas dedicaranse integramente ás salas para as asociacións locais. O volume divídese en dúas estruturas verticais. Unha delas agrupará os espazos comúns do centro, e a outra, os espazos individuais, adaptables ás necesidades presentes e futuras das entidades.
  • Planta alta: corresponderá en exclusiva ao CIM (Centro de Información á Muller), que contará cun espazo de privacidade e atención especializada na parte superior do complexo. Estas plantas altas conectarán tamén con amplas terrazas comunitarias.

Coa posta en marcha deste proxecto, Carballo non só unificará e dignificará o espazo de traballo das súas entidades sociais, senón que gañará un novo fito arquitectónico dedicado integramente ao benestar comunitario e á calidade de vida da veciñanza.