Este ano o programa de actividades de verán do Concello cambia de nome e non leva por título Verán Cultural, como era habitual, senón Ondas Culturais porque haberá un cambio no concepto e no formato, motivado polas circunstancias especiais deste ano das obras previstas para a Praza do Concello, que era o escenario no que se viñan concentrando as propostas máis relevantes. Así se relatou nunha rolda de prensa na que estiveron presentes o presidente da Fundación Luís Calvo Sanz, Luciano Calvo, as integrandes do grupo Do Rivés, Adri e Jenny Felpete, a concelleira de Cultura, Maruxa Suárez, e o alcalde de Carballo, Daniel Pérez.
Segundo explicou Maruxa Suárez, este cambio supuxo un cambio de estratexia no programa, e por iso vaise aproveitar para estender a onda cultural do verán por todo Carballo, achegándoa máis aos cidadáns e aos diferentes barrios e parroquias, e impulsar, aínda máis, a resonancia cultural de Carballo por todo o municipio, pero tamén insistindo no eco e na proxección externa do programa cultural de Carballo.
As ondas partirán de oito parroquias e barrios. “Intentamos, buscar estas zonas non aleatoriamente, senón porque teñen un valor para para nós. Algunhas patrimonial, como pode ser o miradoiro de Santa Irene, e outras serían como o noso patrimonio industrial e algo que nos referencia como son os depósitos de Carballo”, sinala Maruxa Suárez. No programa, explica a concelleira “haberá concertos de rock, de pop, de jazz, canción de autor e, como non, as nosas Noites de Cine, que funcionan marabillosamente ben, sen esquecernos tampouco do circo, da maxia e dos espectáculos familiares porque, como sabedes, o concello de Carballo quere ter contenta a toda a veciñanza, sexan grandes ou pequenos”.
Suárez quixo agradecer así mesmo a colaboración da Rede Cultural e da Deputación da Coruña e nomeadamente da Fundación Luís Calvo Sanz, cuxo presidente, Luciano Calvo, asistiu á presentación do programa. Maruza Suárez quixo destacar “que sempre que lle pedimos colaboración o fai desinteresadamente”.
O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, tamén quixo agradecer a colaboración de Luciano Calvo, porque a vila precisa xente coma el que “estean para para todas aquelas iniciativas pois que van a redundar en que Carballo sexa unha onda cultural que resoe por toda a comarca e que irradie esa cultura”. Respecto da estrea do programa Ondas Culturais, resaltou que ” non vai a ser un verán cultural ao uso” xa que esa previsión de de obras provocou provoca que tiveramos que buscar outro xeito de de continuar irradiando cultura e música por todo Carballo. Pérez lembrou que “Carballo somos 18 parroquias, eh creo que é moi interesante levar a cada unha das parroquias a cultura e e tamén a música, o entretemento e a diversión co bo tempo do verán”.
Talento carballés
Xa falando das actuacións polo miúdo, hai que subliñar a presenza do talento carballés , con dúas citas destacadas para pechar por todo o algo o programa os días 21 e 28 de agosto . Primeiro con Do Rivés, unha banda da Costa da Morte que conta con dúas integrantes de Carballo que nos acompañan nesta rolda de prensa. Do Rivés é unha formación que traballa arredor da música tradicional galega desde unha perspectiva contemporánea e respectuosa coa transmisión oral. O grupo destaca pola súa forza colectiva, pola presenza da percusión de man e por unha proposta estética e sonora que busca conectar a tradición co presente desde a emoción, o corpo e o baile. No seu primeiro álbum Contrabando, o grupo traballa sobre diferentes formas e sonoridades ligadas á tradición da Costa da Morte, incorporando tamén variantes dialectais e formas de cantar propias da comarca.
Precisamente Adri e Jenny Felpete ensinaron en primicia o disco en formato físico. Un EP con seis cancións que escoitaremos en Carballo. E despois, xa na última semana de agosto co RockCarballo, que contará coa presenza de talento da vila e da comarca con Pablo Carballo, Mal Juicio e The Cerne.
Máis citas de xullo e agosto
Xa falando do programa por orde cronolóxica, comezamos detallando as citas do mes de xullo, coa primeira o día 12 con Blues do país un dúo que que volve a Carballo cargado de música de calidade, en galego, misturada con teatro, clown e improvisación. Versións de clásicos do blues ou do rhythm’n blues adaptados á idiosincrasia e retranca galega farán que o público goce dun concerto divertido e único.
Os sons galegos máis actuais chegarán o 23 de xullo da man de Unto Vello, Bieito Pereira e Xabi Gómez conforman un dos proxectos maís importantes os sons tradicionais galegos, cunha música dedicada ao baile e á voz, acompañados de percusión, gaita e acordeón. Inmaterial é o nome do seu novo traballo co que tece comunicade a través do baile grazas a un intenso labor de investigación e reinterpretación das melodías tradicionais do pais. Foron finalistas aos Premios Martín Códax 2026.
E para rematar o mes contaremos coa música da artista Antía Muíño o 31 de xullo, unha das revelacións da nova canción galega, que se move entre o jazz-pop, a canción de autora e a música tradicional, sendo a súa proposta artística unha viaxe entre estilos. Foi galardoada nos Premios Martín Códax á mellor arista emerxente no ano 2025 e como mellor autora no ano 2026.
En agosto continuamos con moita música, tamén da man dunha voz feminina, Sofía Espiñeira, o 6 de agosto. Artesá de cancións, creadora e artista multidisciplicinar, que nas súas composicións combina o latexo das músicas do mundo coa canción de autora maís íntima e crúa. Ao vivo, Ailén Kendelman na percusión e Yudit Almeida no contrabaixo completan este trío acústico que explora as sonoridades e as rítmicas da raíz galega e a latinoamericana.
Non renunciamos tampouco á presenza de grupos máis veteranos e ben coñecidos no panorama da música en galego con quince anos de traxectoria, como son Familia Caamagno e a orquestra do quince, que actúan o 7 de agosto. O baile, as luces de neón e os mellores pasos prohibidos estarán garantidos grazas ao rock e power pop no que se suceden as melodías luminosas e as guitarras afiadas, con letras retranqueiras e incisivas que poñerán o foco no papel social que xogaron as discotecas comarcais dos anos 80 e 90.
O jazz chega da man de Manu Sija o 20 de agosto. Sija é un dos referentes máis innovadores do jazz contemporáneo en Sudamérica. Multi instrumentista autodidacta e compositor cun enfoque visceral na improvisación, fusiona a linguaxe do jazz moderno co folclore arxentino e coa experimentación electrónica en vivo, creando una experiencia sonora que cruza fronteiras estilísticas e xeográficas.
Público familiar
Os máis cativos e cativas sempre ten cabida na nosa programación cultural. Comezamos con Sempre Arriba, o venres 17 de xullo. Un espectáculo en linguaxe clown con acrobacia aérea e sobre todo moito humor. Unha invitación para xogar, para que o público se solte e celebre o presente con alegría e diversión.
E en agosto a cativada tamén ten a súa cita o día 14, desta volta coa maxia de Dani García. Presenta TIN un espectáculo de maxia inventiva e moi persoal na que seguro os aplausos estarán acompañados das risas e as bocas abertas e no que as familias poderán participar activamente.
Noites de cine
Este verán as NOITES DE CINE volverán a traer o mellor das nosas pantallas con 12 proxeccións en parroquias (Razo, Cances, Lema, A Brea, Sísamo, Sofán, Baldaio, Entrecruces) e barrios de Carballo (San Cristovo, Chorís, Milagrosa) ademais de no Xardín Municipal. Haberá cine familiar, comedia, aventuras e proxeccións galegas de filmes de grande éxito.
Praza dos Libros
E por suposto, tamén hai que mencionar a celebración da PLIC! A Praza dos Libros que do 9 ao 12 de xullo encherá de letras o Xardín Municipal e que organiza a Concellaría de Bibliotecas.
