A web oficial do concello de Carballo

O Concello de Carballo aborda o plan de tráfico establecido na Estratexia de mellora e xestión do espazo público urbano

Dar prioridade a transeúntes, ciclistas e viaxeiros/as en transporte público fronte ao vehículo a motor privado, diminuír o tráfico de paso a través da zona urbana, disuadir do uso do vehículo privado en desprazamentos de curto percorrido, reducir a velocidade en zonas sensibles (próximas a colexios, parques, etc), limitar as emisións e os ruídos derivados do tráfico rodado e mellorar a seguridade viaria en xeral son, dun xeito resumido, os obxectivos do plan de tráfico establecido na Estratexia de mellora e xestión do espazo público urbano.

O propio plan, aprobado o ano pasado, outorga unha prioridade alta ás medidas concretas derivadas desa filosofía, e establece un prazo de implantación que oscila entre os dous e os oito anos, segundo as actuacións propostas.

A Concellaría de Planificación Urbana, Policía e Mobilidade está a materializar varias desas medidas, que teñen que ver co establecemento de sentidos únicos de circulación para mellorar a fluidez do tráfico rodado e a seguridade, como xa se fixo de xeito recente, aproveitando as obras de reurbanización, en rúas como Labarta Pose ou Estrela.

Pero hai outras actuacións realizadas, en marcha e/ou previstas de xeito inmediato:

  • Rúa Alfredo Brañas. Hoxe mesmo estase a traballar para sinalizar o sentido único de circulación desde Perú ata Vázquez de Parga. Aínda que non se van acometer agora, a estratexia de mobilidade tamén prevé mesa zona una reordenación encamiñada a mellorar o acceso á zona do centro de saúde, establecendo dirección únicas nas rúas Muíño, Mendel, Darwin e Laracha.
  • Mirtos e Xeranios, Xestas e Fiúnchos, e Vila de Arousa a Caión. Serán as próximas intervencións, co obxectivo de acadar unha mellor organización do tráfico e favorecer os movementos de entrada e saída das persoas residentes en cada un deses ámbitos.
  • Pazo da Cultura. Neste caso xa se realizou unha actuación de urbanismo táctico. Para mellorar a seguridade viaria optouse por establecer o sentido único de circulación nas rúas Pan e Xirona (nesta última no treito comprendido entre Tarragona e Luis Calvo), o que permitiu eliminar os perigosos xiros á esquerda, e tamén se reordenou o aparcamento para introducir un carril central de espera na Luis Calvo para facilitar o xiro á esquerda cara a Rúa do Pan. Ademais de mellorar o tráfico, aproveitouse para humanizar a zona dotándoa de árbores e renovando a sinalización. Nese mesmo ámbito está previsto cambiar o sentido de circulación na rúa Tarragona no treito entre Saúde e Barcelona.
  • Rúa Fomento. Desde a reapertura da ponte de Isabel II quedou establecido o sentido único de circulación (saída de Carballo) na rúa Fomento. Esta actuación completarase en breve. As obras teñen un orzamento de 40.000 euros e xa están adxudicadas. A rúa terá carril bici, zonas verdes e arborado. O obxectivo é que enlace no futuro coa senda peonil e ciclista da Revolta.
  • Cuba e Uruguai. Na contorna da Praza do Hospital tamén veñen de realizarse cambios. Para gañar seguridade na contorna do parque infantil, ao que se sumará en breve unha zona de calistenia, e contribuír á fluidez do tráfico procedente ou con destino á zona deportiva e escolar da rúa Carballo Calero, estas dúas rúas son agora de sentido único. A actuación incluíu tamén, como se está a facer no resto dos casos, a plantación de árbores.
  • Río Eume. Entre as intervencións programadas a curto prazo tamén figura o cambio de sentido da circulación nesta rúa da zona do Igrexario. A estratexia de mobilidade prevé unha actuación integral no ámbito dos xulgados para facilitar o desaloxo da zona e reducir o tráfico de axitación, é dicir, o de vehículos que buscan estacionamento.