O Concello de Carballo segue a dar pasos de cara á apertura completa da vía que enlazará a rotonda do parque empresarial de Bértoa coa avenida de Razo. A Xunta de Goberno Local vén de aprobar un convenio coa propiedade da parcela denominada Chousa do Muíño da Pintura para a cesión dos 3.604 metros cadrados de terreo precisos para abrir a fase 1D da nova estrada.
O proxecto do sistema xeral viario está dividido en catro fases. A fase 1A, que está en execución nestes momentos, abrangue o traxecto comprendido entre a rotonda do polígono e a avenida dos Abetos, así coma o acondicionamento da rúa Médico Justo Martínez, que quedará integrada no itinerario alternativo á estrada comarcal AC-552.
A actuación, que executa a empresa Vázquez y Reino por 541.218 euros, está pendente do aglomerado dos 800 metros de vía de case 14 metros de ancho que xa están abertos, e que constarán de dous carrís de circulación de 3,20 metros de ancho, beiravías de 1,20 metros, cunetas de 1 metro e unha senda mixta, para ciclistas e peóns, pola marxe dereita. Tamén se instalará iluminación e plantaranse 35 árbores.
A fase 1B está pendente da consecución dos terreos, aínda que o proceso de expropiación xa está en marcha e está previsto completalo en breve. Este mesmo sistema utilizarase para obter o solo necesario para a fase 1C, e o expediente iniciarase este mesmo ano. O solo preciso para o desenvolvemento da fase 1E, a máis próxima á avenida de Razo, xa é de propiedade municipal.
Convenio urbanístico
O acordo aprobado esta semana pola Xunta de Goberno Local correspóndese coa fase 1D. A parcela afectada ten unha superficie catastral de 9.977 metros cadrados, dentro dos cales está incluída a nova vía, que ocupará unha superficie de 3.604 metros cadrados. Grazas ao convenio, o Concello de Carballo obtén esa cesión de xeito anticipado.
Estamos a falar dunha parcela de especial importancia, tanto para o funcionamento axeitado do ámbito no que se atopará o Centro Integrado de Saúde, pendente da súa construción por parte da Xunta de Galicia, como para a mobilidade xeral nesa zona. De aí a importancia do acordo acadado coa propiedade, como tamén se fixo para a obtención da parcela que permitirá a ampliación do edificio sanitario.
Por medio dente convenio, a propiedade mantén o aproveitamento urbanístico que corresponde aos seus terreos e a Administración consegue a superficie necesaria para acometer a execución do sistema xeral viario previsto no PXOM. Ao mesmo tempo, desde o Concello de Carballo recoñécese a cesión, no ano 1988, dunha superficie de 990 metros cadrados para a construción do centro de saúde, sen que ata o momento a propiedade recibise prestación algunha.