Carballo encherase como nunca este domingo, 7 de xuño, coa celebración da carreira popular 10K Concello de Carballo. Esta edición marcará un fito histórico ao bater o récord absoluto de participación: 2.262 persoas.
Ao peche do prazo de inscrición rexistráronse 844 inscricións para a carreira de 10 quilómetros e 450 para a de cinco quilómetros. As categorías inferiores, desde biberóns do 2023 ata sub 18, acadan os 952 participantes, e na categoría solidaria Un paso máis haberá 16 corredores/as. De feito, a proba destaca non só polo seu nivel técnico, cun circuíto homologado pola Federación Galega de Atletismo, senón polo seu carácter inclusivo.
As probas sucederanse de xeito continuo ao longo de toda a mañá dende as saídas situadas nas rúas Gran Vía e Desiderio Varela. Todas terán a súa liña de meta compartida na rúa Colón:
- 10:00 h. – Carreira absoluta 10K: (Categorías Sub20, Sub23, Sénior e Máster). Distancia homologada de 10.000 metros a dúas voltas polo circuíto urbano central, cun tempo máximo de corte de 90 minutos (peche ás 11:30 h.).
- 10:01 h. – Competición adaptada: Saída específica en cadeira de rodas para atletas con discapacidade física que cumpran cos requisitos do regulamento.
- 10:45 h. – Carreira absoluta 5K: Distancia homologada de 5.000 metros (unha volta completa), cun tempo máximo de control de 45 minutos.
- 11:40 h. – Categorías Sub 18 e Sub 16: Circuíto curto de 3.000 metros (3 voltas).
- 12:05 h. – Categorías Sub 14 e Sub 12: Circuíto curto de 2.000 metros (2 voltas).
- 12:25 h. – Categoría Sub 10: Distancia de 950 metros (1 volta).
- 12:35 h. – 100 metros máis pola diversidade: Proba emblemática e non competitiva para visibilizar a plena inclusión no deporte da man da asociación Un paso máis.
- A partir das 12:40 h. –Pitufos e Biberóns: Carreiras de promoción non cronometradas na contorna das rúas Valle Inclán e Colón con distancias adaptadas dende os 150 ata os 50 metros (nados entre 2019 e 2023).
A entrega de trofeos e premios en metálico (con incentivos especiais de 300 € se se baten os récords absolutos da proba de 30:13 en homes e 34:19 en mulleres) está programada a partir das 12:40 horas na liña de meta.
Recollida de dorsais e servizos ao corredor
Para mellorar a experiencia dos participantes e evitar retencións de última hora, a organización habilitou un sistema de recollida anticipada de dorsais e chips na primeira planta do edificio do mercado municipal (rúa Gran Vía):
- Sábado 6 de xuño: De 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas.
- Domingo 7 de xuño (día da carreira): Dende as 08:00 horas e ata 20 minutos antes do inicio de cada categoría
Nota: É obrigatorio presentar o DNI, pasaporte ou licenza federativa para a retirada do dorsal.
Os corredores terán á súa disposición un punto de avituallamento líquido á altura do quilómetro 5 e na zona de meta. Ao remate, o servizo gratuíto de duchas e vestiarios estará operativo no pavillón municipal Vila de Noia.

Dispositivo especial de tráfico e cortes de rúas
O circuíto urbano permanecerá totalmente pechado ao tráfico rodado dende as 08:30 horas ata as 13:00 horas aproximadamente. Quedará prohibido o estacionamento e a circulación de calquera tipo de vehículo alleo á proba (incluíndo bicicletas e patíns particulares) nas rúas principais do percorrido: Rúa Gran Vía, Rúa Colón, Desiderio Varela, Doutor Fleming e Valle Inclán, entre outras. Policía Local, Protección Civil e voluntariado das entidades deportivas, que un ano máis colaboran activamente na 10k, encargaranse de velar polo bo desenvolvemento da xornada.
Desde o Concello de Carballo agradecemos de antemán a colaboración cidadá e lembramos a recomendación de empregar os aparcadoiros de proximidade, ademais de convidar a veciñanza e visitantes a gozar a pé desta gran xornada de festa e mobilidade sostible polas rúas da vila.