A web oficial do concello de Carballo

A prestixiosa investigadora Verónica Bolón Canedo será a pregoeira do San Xoán 2026

O San Xoán 2026 xa ten quen lle poña voz ao seu arranque oficial. A científica, investigadora e docente carballesa Verónica Bolón Canedo será a pregoeira das festas patronais deste ano. O segredo revelouse por sorpresa no acto de peche da terceira edición do festival Pint of Science en Carballo, un evento no que a propia homenaxeada formou parte como investigadora na primeira edición e do que integra o equipo de organización desde aquela.

A concelleira de Festas, Maruxa Suárez, que, xunto co alcalde, Daniel Pérez, foi a primeira en felicitala, destacou a súa brillante traxectoria e o seu arraigo local, o seu orgullo de ser muller de Carballo e a súa constante disposición a colaborar en cantas iniciativas dinamizan a vida social e cultural do municipio. Bolón é unha colaboradora habitual e fundamental do Concello de Carballo en todo tipo de proxectos orientados á divulgación científica e á democratización do coñecemento, e sempre amosa un compromiso incondicional coa súa vila natal.

Unha traxectoria de vangarda e compromiso social

Verónica Bolón Canedo é enxeñeira e doutora en Informática, ademais de profesora na Universidade da Coruña (UDC). A súa actividade investigadora céntrase no desenvolvemento de novos métodos de Intelixencia Artificial (IA) que sexan máis éticos, sostibles e respectuosos co medio ambiente, especialmente a través da aprendizaxe automática e os chamados “algoritmos verdes”. Neste ámbito, dirixe a Cátedra UDC-Inditex de IA en Algoritmos Verdes.

Ademais, está profundamente comprometida co fomento das vocacións científico-tecnolóxicas entre as nenas. É académica de número da Academia Joven de España e académica correspondente da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais. Froito deste incrible labor, recibiu galardóns de máximo prestixio como o Premio Dona TIC Revelación da Generalitat de Cataluña, o Premio Ada Byron do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia, a Medalla a Jóvenes Investigadores da Real Academia de Ciencias ou o recente Premio Nacional de Investigación.

Para Bolón, a ciencia e a investigación son a ferramenta para “satisfacer unha curiosidade innata” e, sobre todo, “a única forma de conseguir avances significativos que melloran a vida das persoas”.

Emoción e planificación para o luns 22 de xuño

Pola súa banda, a científica amosou a súa enorme ilusión por asumir este papel: “Como non vou aceptar? Onde nacín? Onde vivo? Como non vou dicir que si?”, confesou, reflectindo a proximidade que a caracteriza e recoñecendo que a espera desde outono foi longa e chea de nervios. Como persoa sumamente planificadora, avanzou que xa ten o texto listo e que será unha intervención moi emotiva e próxima, centrada nas súas vivencias e na súa estreita relación con Carballo e co San Xoán.

A lectura do pregón terá lugar o vindeiro luns 22 de xuño, momento no que se inaugurarán oficialmente os días grandes do San Xoán carballés. Bolón convidou a toda a veciñanza a acompañala: “Alí veredes o que conto sobre min, sobre a miña relación con Carballo e co San Xoán. Estou encantada de ser a pregoeira”.

Con esta elección, o Concello de Carballo non só pon en valor o talento, a ciencia e o coñecemento con selo local, senón que premia e agradece publicamente a xenerosidade e o compromiso dunha veciña que sitúa Carballo na vangarda do panorama científico nacional.