Despois da excelente acollida que tivo a iniciativa do 14 de febreiro, na que participaron 390 persoas, e das numerosas solicitudes recibidas para que se repita, o autobús coa imaxe de Carballo levámolo dentro volverá a estar na Praza do Concello o venres 9 de maio, de 17.00 a 20.00 horas, grazas á colaboración de Autos Costa.
O autobús converterase de novo nun escaparate do orgullo que queremos transmitir polo noso concello, e servirá como posadoiro ou photocall para que todas as persoas que o desexen poidan fotografarse diante del. Unha vez conseguido o reto das 390 persoas, seguiremos completando o catálogo de persoas que levan Carballo dentro para publicar fotografías máis alá dun ano. Para facilitar a participación, contaremos cun fotógrafo a pé de autobús, e todas as persoas que participen na iniciativa serán agasalladas cun pin e unha bolsa conmemorativos, ata fin de existencias.
Transmitir unha imaxe en positivo do noso concello é un dos eixos da acción do goberno municipal. Nos últimos anos vimos traballando para a consecución dese obxectivo a través de distintas campañas, como Eu quero Carballo, coa que arrincamos no ano 2019, ou Máis de Carballo que o pan. Da unión de ambas xurdiu no ano 2023 Carballo levámolo dentro, coa que pretendemos chegar ao corazón mesmo da veciñanza e conseguir manter esa implicación popular no obxectivo que debe unir a todos os carballeses e carballesas: facer fachenda do noso pobo.