O auditorio da Biblioteca Rego da Balsa acolle a representación teatral Pode sorrir e ser un bellaco, a cargo da formación CasaHamlet.
Esta representación ten un especial compoñente emocional, xa que se realiza no marco da recente apertura do Espazo Xoán Manuel López Eirís. A compañía CasaHamlet rende así tributo a unha das súas figuras clave, levando a escena unha peza que conecta o legado do mestre carballés co público máis novo.
A concelleira de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret, quixo destacar a importancia desta colaboración: “Queremos expresar o noso agradecemento a CasaHamlet por traer esta proposta ao noso auditorio. É un orgullo contar cunha actuación deste nivel. Non hai mellor xeito de honrar a memoria de Xoán Manuell López Eirís que enchendo a biblioteca de teatro, talento e novas xeracións de espectadores”.
A obra, dirixida por Santiago Fernández, está deseñada especificamente para un público adulto e xuvenil a partir de 10 anos. A montaxe estrutúrase a través de pequenas pezas ensambladas que exploran a hipocresía e a dualidade das aparencias. O título nace da célebre frase de Hamlet, de William Shakespeare: “Que un home pode sorrir, e sorrir, e ser un vilán”.
A través desta dramaturxia, que tamén inclúe textos de autores como M. Lourenzo, A. de Santos, H. Pinter, X. Pisón e Sanchís Sinisterra, búscase que os escolares reflexionen sobre a complexidade do comportamento humano e a verdade tras as máscaras sociais.
A función contará coas interpretacións de Paco Almeida, Rubén Barrán, Raquel Cabañas, Fernando Castro, Helena Copa, Mª José Fuentes, Ricardo García, Marina Gómez, Eva González, Pedro Leiras, Ana Lodeiro, Diana López, Lucía Novoa, J. Manuel Rabuñal, Laura Rivera, Pilar Rodríguez, Anxo Saavedra, Ana Sánchez e Aida Vieites.
Entrada libre e de balde.
O almacenamento ou acceso técnico é estritamente necesario co fin lexítimo de permitir o uso dun servizo específico solicitado expresamente polo abonado ou usuario, ou coa única finalidade de realizar a transmisión dunha comunicación a través dunha rede de comunicacións electrónicas.