O Concello de Carballo non só celebra a literatura neste 17 de maio, senón que aposta por unha iconografía propia que pon en valor o noso talento local e reivindica o papel fundamental da muller na cultura galega.
Con motivo do Día das Letras Galegas 2026 presentamos unha imaxe de Begoña Caamaño realizada polo artista carballés Mon Lendoiro. Esta nova ilustración súmase á de Rosalía de Castro, que pode verse no xardín dedicado á autora, e agardamos que forme parte dunha futura serie de imaxes de mulleres que sigan embelecendo e dando identidade á nosa vila.
Para dar a coñecer esta nova obra, o Concello elaborou unha gran lona que se colocará a semana que vén na rúa Coruña, e tamén marcapáxinas, carpetas conmemorativas e fichas para pintar que se repartirán entre o 11 e o 15 de maio nos centros de ensino. O obxectivo é que a figura e a mensaxe de Begoña Caamaño —”É o tempo do feminismo” — cheguen a todo o alumnado de xeito creativo.
Programación
A axenda cultural para os vindeiros días vén cargada de propostas para todos os públicos. Ademais das actividades organizadas polas concellarías de Cultura e Festas e Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística, o programa inclúe tamén as iniciativas do movemento asociativo do noso concello, comprometido tamén coa promoción e a difusión das nosas letras e da nosa cultura.
- 9 de maio (centro social de Verdillo, 18.30 h): a programación arranca coa Ruada das Cereixas. Esta cita, organizada pola Asociación Cultural Arume, recupera as históricas reunións “á luz do carburo” no Moucho para homenaxear ás mulleres cantareiras da parroquia, figuras clave na conservación do noso patrimonio cultural. O acto contará coa actuación de todos os grupos da asociación para festexar a historia local a través das súas cantigas.
- 15 de maio (Praza do Concello, 11.30 h): unha das novidades deste ano é O reloxo do tempo, unha experiencia de dinamización lingüística que converterá a Praza do Concello nun gran escenario de xogo e misterio. A actividade, guiada por Aventeira, Cooperativa de Educación e Lecer, presenta un escenario crítico: o reloxo que garda a memoria da nosa literatura parou. O alumnado de 1º de bacharelato do IES Alfredo Brañas terá a misión de evitar que a lingua e a cultura galegas se perdan para sempre. Para logralo, os estudantes deberán interactuar con oito personaxes fundamentais que custodian as pezas do reloxo: sete figuras clásicas (Merlín, María Soliña, Morgana, Cibrán o Castizo, Balbino, Xohán de Isorna e Circe (a Muller Xabaril), e unha autora esencial, Begoña Caamaño. Este xogo combina teatro, enigmas lóxicos e material visual. Non haberá un gañador individual, senón que o éxito depende dun logro compartido: conseguir que as personaxes entreguen as súas pezas ao resolver retos e anagramas, demostrando así o valor que lle dan ás voces da nosa literatura.
- 16 de maio (Rúa Coruña, 13.00 h): Pegada de muller. O obxectivo desta xornada é poñer en valor a pegada da muller nas letras e nas artes galegas, e para conseguilo contamos coa participación aberta de toda a veciñanza, pequenos/as e maiores. A partir das 13.00 horas realizaremos unha lectura pública de obras das mulleres ás que se ten dedicado o Día das Letras Galegas, e como remate contaremos de novo co talento local da carballesa de Cances Marta Méndez, que interpretará varias cancións. A xornada pretende ser unha festa da cultura galega e da cultura en feminino. As persoas asistentes serán agasalladas cunha bolsa conmemorativa.
- 17 de maio (Día das Letras): o día grande das nosas letras inclúe tres propostas moi diferentes.
- 11.00 h: 44º Concurso infantil de pintura e debuxo Luis Calvo, organizado pola Asociación Cultural Lumieira, na Praza do Concello. Premio dun lote de libros por categoría e sorteo de dúas bicicletas. No caso de mal tempo, a actividade trasladarase ao mercado.
- 13.00 h: actuación da Banda Municipal de Gaitas.
- 18:00 h: o local social de Cances acollerá a presentación do libro Begoña Caamaño, nun acto organizado pola Asociación Cultural San Campio que contará coas autoras —Nerea Gómez, Icía Varela e Xosé Manuel Varela— e a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Maica Ures García. Entre o público asistente sortearase un exemplar do libro e, ao finalizar a presentación, compartirase un aperitivo coa veciñanza.
Con esta programación, Carballo volve converterse nun referente na defensa da nosa lingua e na visibilización das mulleres que axudaron a construír a nosa identidade.
