O andar -1 do Pazo da Cultura de Carballo vestiuse de gala este mércores para a entrega de galardóns e a inauguración da exposición da 28ª edición do Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís, un evento que, tras case tres décadas de traxectoria, reafírmase como un referente nacional, como avalan as cifras: 117 obras presentadas de 48 artistas de diversos puntos de Galicia e do Estado.
O primeiro premio (1.500 €) foi para Xavier Ferrer Chust pola súa obra Gasolinera en Armagossa. O autor explicou que a imaxe, capturada nun deserto de Oaxaca (EE.UU.), xoga co contraste lumínico e a estética contemporánea para dar valor artístico a un espazo que, a priori, “non lle apetece a ninguén”.
Pola súa banda, José Manuel Pérez Pena recibiu o segundo premio (750 €, patrocinado pola Fundación Luís Calvo Sanz) por Amencer, unha impactante fotografía dun cubo de lixo en Santiago tras unha noite de festa, que o xurado definiu como un “caos ordenado”.
O Premio Especial Carballo (500 €, patrocinado por Interfilm) recaeu no ucraíno afincado na Imende (Noicela) Dmytro Yaroshevskyi, pola súa obra La ansiedad. A súa muller, que fixo de tradutora, explicou que a foto —tomada durante unha queima controlada— simboliza a preocupación polos incendios, o futuro das novas xeracións e a esperanza de que a vida continúa a pesar de que o mundo estea “en chamas”.
O accésit (300 €) foi para Miguel Ángel Vijande Cea por Roxanne, un retrato psicolóxico cargado de mensaxe social contra a violencia machista.
Cultura como memoria viva
O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, destacou durante a súa intervención o compromiso do Concello de Carballo coa cultura e coa fotografía como ferramenta artística e social: “En tempos de inmediatez e fugacidade, a fotografía permítenos fixar un momento, observalo e analizalo”, sinalou. O rexedor puxo tamén en valor a capacidade da fotografía para denunciar, emocionar e transmitir esperanza, ademais de agradecer o labor dos artistas participantes, do xurado e das entidades patrocinadoras que fan posible o certame.
A concelleira de Cultura, Maruxa Suárez, lembrou que o certame leva “case trinta anos formando parte da vida cultural de Carballo” e subliñou que naceu tamén como homenaxe permanente a Xosé Manuel Eirís, figura moi vinculada á cultura local e á fotografía. Ao longo das súas 28 edicións, o concurso reuniu máis de 1.500 artistas e máis de 3.500 obras.
O acto estivo marcado tamén polo recordo emocionado a Fernando Cabeza Quiles, recentemente falecido, así como polos sucesivos recoñecementos ao exalcalde Evencio Ferrero, presente tamén no acto de entrega dos premios.
Exposición aberta ao público
A mostra coas fotografías seleccionadas desta 28.ª edición xa pode visitarse no Pazo da Cultura, na sala de exposicións do andar -1. A exposición convida aos veciños e visitantes a gozar dunha “xeografía de emocións”, en palabras do xurado Ángel Cordero.








