A web oficial do concello de Carballo

O FIOT abre a inscrición para participar na décima edición do Certame Micro-Escenas m2

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo abre a convocatoria para participar na décima edición do Certame Micro-Escenas m2, unha das súas principais liñas de programación e que ofrece ao público a posiblidade de gozar de creacións escénicas experimentais en espazos non teatrais e singulares da localidade.

O Micro-Escenas Metro Cadrado, o primeiro certame de microteatro que se realiza en Galicia, naceu ao abeiro do FIOT a pasada década como unha proposta específica de apoio á creación escénica de novos formatos e de compañías ou creadoras e creadores emerxentes. As e os artistas son quen de xerar, no marco dun gran festival, novas experiencias teatrais, de pequeno formato, en contextos non habituais para a representación escénica, que contextualizan e serven de escenografía natural da obra, nos que un número moi limitado de asistentes se sitúa a curta distancia dos intérpretes.

Así, á vez que difunde e visualiza o traballo das creadoras, Metro Cadrado ofrece cada ano ao público da comarca unha nova experiencia escénica, diferente ás habituais nos recintos: sen barreiras, sen artificios e desde a proximidade, que posibilita a captación de novos públicos e a implica á veciñanza en proxectos escénicos.

Prazo aberto do 4 de maio ao 21 de xuño

Este luns, 4 de maio, o FIOT abre a inscrición da décima edición do certame, no que convida ás compañías e artistas emerxentes a crear ou deseñar un espectáculo (de teatro físico, música, clown, performance, danza, manipulación de obxectos…) de entre 10 e 20 minutos, que se poida poñer en escena, especificamente, nun espazo non teatral entre o 3 e o 31 de outubro de 2026.

Neste 2026, os espazos ofertados de Carballo serán un parque-ximnasio, unha xoiaría, un cuarto de conserxes, unha tenda de moda e decoración, unha tenda de moda infantil, un comercio de artigos de segunda man, unha zapatería, unha pastelería, unha tenda de complementos, un parque e unha tenda de informática.

As propostas poderán ser tanto pezas orixinais coma xa estreadas, prioritariamente, en lingua galega, aínda que o xurado do certame (composto por diferentes persoas relacionadas coas artes escénicas) terá en conta a nova creación e, especialmente, a adecuación e a interacción cos espazos ofertados e a autoría propia. Ademais, atendendo ao interese do FIOT nos proxectos e experiencias teatrais singulares que fan un uso innovador de cultura dixital e a tecnoloxía, teranse en conta aquelas obras que empreguen medios dixitais. 

As pezas seleccionadas polo xurado, unha vez representadas, recibirán unha compensación económica de 500€. Ademais, todas as obras exhibidas serán valoradas polo público asistente mediante un sistema de votacións e optarán a premios de 150€ á Mellor interpretación e ao Mellor espectáculo. O prazo de presentación de solicitudes, que se pode facer a través do correo electrónico fiot.microteatro@gmail.com, rematará o 21 de xuño.