O Concello de Carballo continúa avanzando no seu plan de capacitación tecnolóxica cunha nova serie de accións formativas dirixidas ao conxunto da veciñanza. Máis de cincuenta persoas participaron no último mes en cursos prácticos centrados no uso da tecnoloxía no día a día.
As formacións abordaron cuestións clave como a creación de contido con Intelixencia Artificial, o uso de aplicacións para realizar trámites en Internet ou a procura de emprego a través da Rede.
Ademais, púxose en marcha un programa específico para o comercio local, que arrancou co curso Fai crecer a túa marca con márketing dixital, orientado a persoas autónomas e emprendedoras.
En todas estas iniciativas, que se desenvolveron en colaboración coa Fundación Cibervoluntarios, participaron máis de cincuenta persoas. O alcalde, Daniel Pérez, e o concelleiro de Innovación, Iván Andrade, achegáronse ata a Aula CeMIT ben para dar a benvida ao alumnado ou ben para realizar a entrega de diplomas, pero tanto nun caso coma noutro insistiron na importancia de aproveitar ao máximo este tipo de accións formativas, que son de balde e sumamente prácticas.
Últimas prazas: calendario de maio e xuño
Tras o éxito das primeiras formacións do programa YoConecto, da Fundación CiberVoluntarios, lembramos que aínda quedan prazas dispoñibles para algúns dos cursos que se impartirán nos meses de maio e xuño. Estas formacións son presenciais, gratuítas e con certificación oficial.
- Aplica a Intelixencia Artificial no teu negocio: a partir do 4 de maio, para empresarios/as e emprendedores/as. Prazas completas.
- O teu currículum dixital: a partir do 7 de maio. Aínda quedan prazas: https://cemit.xunta.gal/gl/formacion/formacion-presencial/54132
- Apps útiles para a xestión de trámites en Internet: a partir do 21 de maio. Prazas completas.
- Seguridade: protexe o teu mundo dixital: a partir do 1 de xuño. Só queda unha praza: https://cemit.xunta.gal/gl/formacion/formacion-presencial/54115
- APPS útiles para a xestión de trámites en Internet para o tecido asociativo: a partir do 8 de xuño, dirixido exclusivamente a membros de asociacións de calquera tipo (culturais, deportivas, sociais, empresariais…, con preferencia para as entidades carballesas. Prazas dispoñibles en https://cemit.xunta.gal/gl/formacion/formacion-presencial/54422. Este curso será clave para o tecido social local, xa que abrangue todo tipo de xestións habituais coas Administracións.
Inscricións e información
- Internet: Web da Aula CeMIT Carballo
- Teléfono: 981 709 011
- Presencialmente: Oficinas municipais do Fórum Carballo (2º andar)
O Concello de Carballo continuará impulsando novas accións formativas co obxectivo de facilitar a adaptación dixital da cidadanía e fortalecer o tecido económico e social local.



