A web oficial do concello de Carballo

Carballo revalida a súa excelencia turística coa renovación do distintivo de calidade SICTED para a súa oficina de información

A oficina de información turística de Carballo reafirmou esta tarde o seu compromiso coa excelencia profesional ao recibir a renovación do seu distintivo do Sistema Integral de Calidade Turística en Destino (SICTED). O recoñecemento foi entregado no marco dun acto celebrado en Vimianzo, organizado pola Costa da Morte Asociación Turística (CMAT), no que se distinguiron un total de 33 entidades da comarca.

O concelleiro de Turismo de Carballo e vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, acompañado pola técnica de Turismo, Maite Parga, foron os encargados de representar ao concello nunha cita que pon en valor o traballo técnico e a calidade dos servizos públicos de atención ao visitante.

Durante a súa intervención como responsable provincial de Turismo, Regueira puxo o foco na colaboración entre administracións e no papel «fundamental» do persoal técnico, como Maite Parga, na estruturación do produto turístico e na mellora da experiencia das persoas que visitan a zona.

Compromiso coa calidade e a identidade

Regueira salientou o esforzo das entidades recoñecidas por ofrecer «os estándares máis altos de calidade» e por apostar por un modelo no que «prioricemos a calidade sobre a cantidade». Para o concelleiro e vicepresidente provincial, a obtención destes distintivos é unha mostra de que a Costa da Morte avanza cara a un turismo sustentábel e profesionalizado.

«Vivimos nun territorio que non está turistificado, que segue sendo auténtico», asegurou Regueira, defendendo a necesidade de preservar a identidade propia fronte a outros modelos masificados. Neste sentido, a oficina de turismo de Carballo consolídase como un dos puntos estratéxicos para xerar benestar e economía a través dunha atención ao cliente baseada na excelencia.

Unha rede en crecemento

A oficina de Carballo forma parte dun grupo de 33 entidades que superaron o proceso de formación, asesoría e avaliación do ciclo 3 da anualidade 2025. O proxecto SICTED na Costa da Morte, que conta co apoio directo da Deputación da Coruña e Turismo de Galicia, integra xa a unha ampla representación da cadea de valor: dende hoteis e aloxamentos rurais ata empresas de turismo activo e servizos municipais.

O programa terá continuidade durante este 2026 cunha nova convocatoria, co obxectivo de seguir sumando axentes a esta aposta pola calidade integral que lideran municipios como Carballo.