A web oficial do concello de Carballo

O talento mozo brilla na final do IV Concurso de Solistas do Conservatorio Municipal

O Conservatorio Profesional de Música de Carballo (CMUS) xa ten gañadores e gañadoras para a cuarta edición do seu Concurso de Solistas. Tras unha intensa fase de selección iniciada en marzo, o auditorio do Pazo da Cultura vestiuse de gala este xoves para celebrar unha final que destacou polo alto nivel dos/as participantes.

A concelleira de Educación, Mar Eirís, estivo presente no acto e participou na entrega de galardóns, apoiando coa súa presenza o esforzo dos mozos músicos de Carballo.

O certame dividiuse en tres categorías segundo o grao de formación dos estudantes, consolidándose como unha plataforma clave para o crecemento artístico do alumnado.

Cadro de honra

Grao Elemental:

  • 1º Premio: Ada Quintela Salcines.
  • 2º Premio: Xoel Rodríguez Nóvoa.
  • Finalistas: Marta Rey Fraga e Leo Calvo Abelenda.

1º a 3º de Grao Profesional:

  • 1º Premio: Elisa Cereijo Mosquera.
  • 2º Premio: Leon Heldt.
  • Finalistas: Aroa Ordóñez Cambón e Carla Lema Lema.

4º a 6º de Grao Profesional:

  • 1º Premio: Pablo Blanco Iglesias.
  • 2º Premio: Adela Baldomir Moreira.
  • Finalistas: Daniela Alfeirán Espiño e Andrés Pereira Varela.

Os gañadores de cada categoría recibiron, ademais dun cheque-regalo de 100 euros para material musical, a prestixiosa oportunidade de actuar como solistas acompañados por unha agrupación do CMUS. Os segundos premios foron recoñecidos cun cheque de 50 euros patrocinado pola ANPA.

A xornada serviu tamén para ver a evolución dos premiados na edición de 2025, que actuaron coa Orquestra do Conservatorio durante o tempo de deliberación do xurado, que estivo integrado polos docentes do Conservatorio Superior de Música da Coruña César Concheiro, José Manuel Yáñez e Xavier Fernández.