A web oficial do concello de Carballo

Carballo e Coristanco repetirán o modelo de colaboración en materia de formación para o emprego co Obradoiro Lubiáns II

A colaboración intermunicipal entre os concellos de Carballo e Coristanco volve dar os seus froitos. O departamento territorial da Coruña da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Coruña vén de notificar a resolución de concesión para a posta en marcha do Obradoiro Lubiáns II, un proxecto que contará cunha subvención global de 501.552 euros.

Esta iniciativa permitirá que 20 veciños e veciñas dos dous concellos accedan a un contrato de formación en alternancia durante un período de nove meses.

O obradoiro dividirase en dúas especialidades formativas de nivel II, con gran proxección no mercado laboral actual:

  • Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais (8 alumnos/as): Realizarán as súas prácticas profesionais en centros de referencia da comarca, como a residencia de Aspaber, a asociación Íntegro e os centros de día de Carballo e A Laracha (do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar).
  • Montaxe e instalación de construcións de madeira (12 alumnos/as): Os participantes executarán diversas obras de interese social. En Carballo traballarán na renovación de elementos de madeira do Horto Ecolóxico e na fabricación de mobiliario para o mercado municipal. En Coristanco encargaranse da carpintería dunha pista multideporte e do acondicionamento da cuberta e teito do palco da música na Praza de Santa Marta.

Segundo a resolución, a data oficial de inicio da formación e das prácticas profesionais será o 1 de xuño de 2026. O proxecto estenderase ata o 28 de febreiro de 2027.

Nesta edición inclúense 47.000 euros destinados especificamente a incentivos á contratación. Esta partida busca fomentar que empresas locais contraten ao alumnado unha vez rematado o seu período de formación no obradoiro, facilitando así a súa inserción laboral definitiva.

Mellora da ocupabilidade

O Obradoiro Lubiáns II consolídase como unha ferramenta clave para mellorar a cualificación profesional en Bergantiños. Ao longo dos nove meses de duración, o alumnado non só recibirá formación teórica e práctica de calidade nas instalacións do Fórum Carballo, senón que percibirá un salario grazas ao contrato de formación subscrito coas entidades promotoras.

Os veciños e veciñas de Carballo e Coristanco que teñan interese en asistir deben inscribirse na oficina de emprego, situada na planta baixa do Fórum Carballo. Se precisan máis información poden dirixirse ás oficinas municipais, no segundo andar.

Coa confirmación desta axuda, Carballo e Coristanco reafirman a súa aposta pola formación profesional como vía para reducir o desemprego e mellorar os servizos e infraestruturas públicas de ambos municipios.