A web oficial do concello de Carballo

A Concellaría de Bibliotecas lanza o ciclo “Transformando o téxtil”, unha aposta pola sustentabilidade e a creatividade dende a costura

No marco dunha necesaria reflexión sobre o impacto ambiental da industria téxtil, a segunda máis contaminante do mundo, a Concellaría de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística promove a actividade Transformando o téxtil, un programa de obradoiros que nace co obxectivo de convidar á cidadanía a mirar as súas prendas esquecidas non como residuos, senón como materiais cheos de posibilidades.

O ciclo, que se desenvolverá na Biblioteca Rego da Balsa, non se limita á aprendizaxe técnica do manexo da máquina de coser. Trátase dunha proposta que busca transformar a relación das persoas co que consomen, fomentando hábitos máis conscientes e lentos. A través de 7 sesións presenciais, as/os participantes explorarán o upcycling, a reparación e a reutilización como ferramentas de posicionamento ante o consumo masivo.

O programa estrutúrase en catro proxectos que permiten avanzar dende o descoñecemento total ata a autonomía creativa:

  1. Iniciación á máquina de coser (11 de abril): Unha toma de contacto para aprender o funcionamento básico e perder o medo á ferramenta.
  2. Construción dunha bolsa de praia (18 e 25 de abril): Transformación directa de camisas ou vaqueiros vellos en obxectos útiles sen necesidade de material novo.
  3. Confección dun neceser (2 e 9 de maio): Introdución de técnicas máis precisas como a colocación de cremalleiras e acabados profesionais.
  4. Arte téxtil e “costura de guerrilla” (16 e 23 de maio): Un bloque centrado en facer visible a reparación a través de bordados e composicións con retallos, entendendo que reparar tamén é crear.

Detalles do obradoiro

O ciclo está pensado para persoas a partir de 16 anos e non require experiencia previa. As sesións terán lugar os sábados de 11:00 a 13:00h.

A organización facilita as máquinas e o material básico, aínda que se anima aos asistentes a traer as súas propias prendas para transformar (evitando tecidos elásticos) e, se o desexan, a súa propia máquina de coser para familiarizarse con ela. Co obxectivo de garantir un acompañamento próximo, as prazas están limitadas a 10 persoas por grupo.

As persoas interesadas poden inscribirse a través do formulario dispoñible na páxina web do Concello de Carballo. Aínda que se permite a asistencia a sesións soltas, recoméndase realizar o percorrido completo para vivir o proceso de transformación persoal e material que propón o ciclo.