A web oficial do concello de Carballo

Atlantic Games Conference regresa os días 10 e 11 de abril como encontro galego de referencia no desenvolvemento de videoxogos

A Atlantic Games Conference celebrará a súa segunda edición os días 10 e 11 de abril de 2026 no Fórum de Carballo (Praza dos Bombeiros Voluntarios). Organizado polo Concello de Carballo, a través das concellarías de Mocidade e Promoción Económica, o evento consolídase como un dos principais puntos de encontro para profesionais do videoxogo en Galicia e o norte peninsular.

Durante dous días, o congreso ofrecerá charlas, talleres, podcast en directo e concertos, configurando unha programación que combina coñecemento técnico, reflexión creativa e propostas culturais arredor do videoxogo.

Dirixida e producida por Sara Pérez Lantes e Juan Alberto Martínez López, a Atlantic Games Conference reforza nesta edición a súa vocación de conectar o talento galego co ecosistema estatal e internacional.

O evento preséntase como un espazo aberto no que creadores, programadores, artistas e público interesado poden compartir coñecemento, establecer contactos profesionais e descubrir novas perspectivas da industria.

A programación inclúe:

  • 10 charlas maxistrais
  • 4 talleres prácticos
  • Un podcast en directo
  • Un concerto en vivo

Relatores/as: talento internacional e estatal

A sección de charlas constitúe o eixo central do evento, cunha selección de profesionais que abordan o videoxogo desde múltiples disciplinas.

Entre os nomes confirmados destaca Pierre Corbinais, escritor e deseñador narrativo en títulos como Wednesdays, Haven ou Bury Me, My Love, que abrirá o programa cunha reflexión sobre a creación de experiencias que exploran emocións complexas.

A programación narrativa complétase con Victoria, fundadora da editorial Amor de nai, quen analizará a relación entre psicoloxía, horror e videoxogos como ferramentas de exploración persoal.

No ámbito do deseño, Eva Pérez (ex-Tequila Works) profundará nos sistemas de xogo, mentres que Luc Alvarado (Do Not Feed the Monkeys 2099, Friends vs Friends) abordará os desafíos da escalabilidade no desenvolvemento independente.

O compositor e desenvolvedor Aquiles T. M. ofrecerá unha visión persoal do proceso creativo, marcada pola aprendizaxe constante.

A arte técnica terá especial protagonismo con Harry Alisavakis (Okomotive), especialista en shaders e VFX, e Cristopher J. Mendoza (Denshattack!), que analizará o papel dos efectos visuais na identidade estética dos videoxogos. A eles súmase Adrián Dono, concept artist con experiencia en proxectos AAA internacionais.

No eido transversal da industria, Hernán Calvo explorará a música adaptativa, mentres que Lucía Herrero abordará as claves da comunicación e xestión de comunidades no contexto actual.

Talleres: formación aplicada con profesionais en activo

A programación práctica permitirá ás persoas asistentes profundar en distintas áreas do desenvolvemento:

  • Maikel Ortega (The Game Kitchen) analizará a creación de bossfights
  • Iago Álvarez Graña, localizador en títulos como Dark Souls III ou Horizon Zero Dawn, introducirá o testeo lingüístico
  • Juno Menager proporá un enfoque creativo afastado da perfección inicial
  • Monkeybark impartirá un taller sobre deseño e identidade visual de personaxes

A Atlantic Games Conference incorpora tamén propostas pensadas para público xeral, ampliando a súa dimensión cultural:

Isi (Girls Make Games) — «A outra historia do videoxogo»

Marina González (Deconstructeam) — «Tecendo píxels: do dixital ao físico»

Lucas Ramada Prieto — mediación cultural con videoxogos

Podcast e música

A Revista LOOP gravará un episodio en directo co seu equipo, reforzando a dimensión crítica e cultural do evento.

O peche musical correrá a cargo de EYEGUYS, proxecto do artista milanés Lorenzo Redaelli, cun directo que fusiona pop italiano, estética videoxogos, eurodance e avant-pop.