A web oficial do concello de Carballo

A Aula CeMIT de Carballo aproveita a Semana Santa para impulsar a formación dixital entre as persoas maiores de 18 anos

A Aula CeMIT de Carballo está a desenvolver estes días unha nova programación de cursos de formación dixital coincidindo coas vacacións de Semana Santa, unha proposta da Concellería de Innovación dirixida a persoas maiores de 18 anos que busca achegar coñecementos tecnolóxicos clave dun xeito práctico e accesible.

A oferta inclúe contidos de plena actualidade, como a intelixencia artificial e o uso de aplicacións móbiles, dous ámbitos que están a espertar un grande interese entre o alumnado participante.

O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, e o concelleiro de Innovación, Iván Andrade, visitaron unha das sesións para coñecer de primeira man o funcionamento dos cursos e intercambiar impresións coas persoas asistentes, que amosaron unha alta implicación e participación activa nas actividades.

Durante a visita, Daniel Pérez puxo en valor este tipo de iniciativas. “A formación dixital xa non é algo complementario -sinalou-, senón unha ferramenta básica para a vida cotiá, e desde o Concello queremos poñelo fácil para que toda a veciñanza poida acceder a ela, tamén en períodos como a Semana Santa”. Para o alcalde, “ver a implicación das persoas participantes aprendendo a usar a IA ou a xestionar aplicacións móbiles é a proba de que Carballo é un concello vivo e con ganas de innovar”.

Pola súa banda, Iván Andrade destacou o interese crecente por estes contidos: “A intelixencia artificial está xerando moita curiosidade, pero tamén moitas dúbidas, e estes cursos permiten achegarse a ela sen medo, entendendo como pode ser útil no día a día”. Ademais, engadiu que “o ambiente nas aulas é moi positivo, con xente moi participativa e con ganas de aprender e probar”.

Esta programación especial de Semana Santa enmárcase na estratexia do Concello de Carballo para promover a inclusión dixital e a aprendizaxe continua, aproveitando tamén os períodos non lectivos para ofrecer alternativas formativas útiles e adaptadas ás necesidades actuais da cidadanía.