A web oficial do concello de Carballo

Carballo apaga as luces un ano máis pola “Hora do Planeta”

O Concello de Carballo reafirma o seu compromiso na loita contra o cambio climático sumándose, unha edición máis, á iniciativa global A Hora do Planeta. Este sábado, xunto a milleiros de cidades de todo o mundo, o noso municipio deixará ás escuras a Praza do Concello como xesto simbólico de respecto e coidado pola Terra.

O apagón simbólico terá lugar este sábado 28 de marzo, entre as 20:30 e as 21:30 horas. O obxectivo é concienciar sobre o consumo enerxético responsable, reducir as emisións de CO2 de xeito simbólico pero colectivo, e reivindicar a necesidade de políticas sostibles a nivel local.

Dende o Concello convídase a todos os carballeses e carballesas a participar desde os seus fogares, e tamén desde as empresas. Apagar as luces e os aparellos electrónicos non esenciais durante esa hora é un pequeno xesto que, sumado ao de millóns de persoas, lanza unha mensaxe potente: temos que actuar xa.

“Carballo non só apaga a luz por unha hora, senón que traballa cada día por un futuro máis verde e habitable para as vindeiras xeracións”, sinala o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales.

No territorio estatal participarán na Hora do Planeta 438 concellos, 109 empresas e 110 organizacións. A iniciativa naceu no ano 2007 como un xesto simbólico, pero co paso do tempo converteuse no maior movemento global na defensa do medio ambiente, mobilizando millóns de persoas en máis de 190 países.

Con esta acción, Carballo volve situarse entre os concellos comprometidos coa sustentabilidade, contribuíndo a unha mobilización global que demostra que a acción colectiva é clave para facer fronte aos retos ambientais actuais.