Non foi unha inauguración calquera. No primeiro andar da Biblioteca Rego da Balsa respirouse este xoves o aroma dos grandes teatros. O Espazo Xoán Manuel López Eirís abriu as súas portas nun acto que logrou o que o propio mestre facía sobre as táboas: converter o baleiro nunha historia chea de vida.
Coa inauguración do Espazo Xoán Manuel López Eirís, Carballo non só recibe unha doazón bibliográfica de valor incalculable, senón que recupera a memoria dun dos seus creadores máis universais.
O acto comezou coas notas dun violín que encheron de solemnidade o espazo. Lucía Rey Fraga, alumna de 3º curso de grao elemental no Conservatorio Municipal de Música, foi a encargada de recibir aos asistentes, e creou a atmosfera perfecta para o que estaba por vir: un tributo á cultura.
O acto estivo marcado pola gratitude. A concelleira Ángeles Pacoret, mestra de cerimonias, abriu unha xornada na que se destacou a inmensa xenerosidade do artista e de súa familia. O público puido admirar por primeira vez a disposición dos máis de 2.500 libros que compoñían a biblioteca persoal de Eirís, unha das coleccións de artes escénicas máis importantes de Galicia, agora ao alcance de todos os carballeses. “Este espazo nace para ser consultado, para ser vivido”, sinalou Ángeles Pacoret.
Santiago Fernández, director de Casahamlet, e Xosé Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía, coincidiron en sinalar que Eirís non só deseñaba decorados, senón que “creaba mundos”. Pola súa banda, o alcalde Daniel Pérez pechou as intervencións institucionais agradecendo á familia a súa xenerosidade e reafirmando o compromiso de Carballo coa memoria do seu veciño máis ilustre no eido da escena: “Este espazo é o noso xeito de facer que a súa luz siga iluminando a quen queira crear”, manifestou.

O momento máis máxico chegou tras as palabras. Como non podía ser de outro xeito nun espazo dedicado á dramaturxia, o silencio rompeuse cun “agasallo teatral”. Ana Sánchez e Diana López, de Casahamlet, ofreceron unha breve pero intensa peza que emocionou aos presentes e anticipou que o espazo nace con vocación de estar vivo.
A xornada rematou entre conversas e recordos durante un aperitivo, mentres os convidados percorrían a exposición e paraban ante os manequíns que locen os traxes históricos do mestre, cosidos pola súa irmá. Desde hoxe, o legado de López Eirís xa non está gardado en caixas; está na casa, en Carballo, agardando por todas as persoas que queiran descubrir os segredos que se agochan detrás do telón.