A web oficial do concello de Carballo

O Concello de Carballo adhírese á rede provincial de grupos de conversa “Falarmos… nós”

O Concello de Carballo formalizou hoxe a súa adhesión á campaña de dinamización lingüística Falarmos… nós, unha iniciativa impulsada pola área de Lingua da Deputación da Coruña. O obxectivo principal é crear espazos de uso da lingua baseados na participación e na conversa nun ambiente seguro, próximo e sen presións.

O alcalde, Daniel Pérez, e a deputada provincial Sol Agra asinaron hoxe o convenio de colaboración, nun acto no que tamén participaron a concelleira de Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret, e algunhas das persoas que participan non só no programa Falarmos… nós, senón tamén en Elos Carballo, o foro de conversa en galego promovido directamente polo Concello.

O grupo de conversa reúnese todos os xoves, de 11:30 a 12:30 horas, nas Escolas do Xardín Agra de Caldas, onde se celebrou o acto de hoxe. Pero esta actividade está aberta a todas as persoas interesadas, tanto a aquelas que saben galego pero non o usan habitualmente como a aquelas que están en proceso de aprendizaxe e queren gañar soltura oral. Para sumarse á iniciativa abonda con completar o formulario que atoparás ao final desta nova.

Un espazo de uso real e seguro

A diferenza dun curso académico, nesta rede non hai clases, leccións nin deberes. Trátase de grupos reducidos, de entre 4 e 12 persoas, dinamizados por voluntarios que propoñen temas de cultura, actualidade ou música, priorizando sempre contidos referidos a Galiza. O único requisito para participar é entender a lingua e ter ganas de darlle un pouco máis de espazo ao galego na vida cotiá.

Sinatura do convenio para o programa Falarmos nós

O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, destacou durante a sinatura que “a firma deste convenio reafirma o compromiso de Carballo coa nosa identidade ao facilitar os recursos necesarios para que a cidadanía se atope e converse con respecto e escoita activa”. Pola súa banda, a deputada provincial de Lingua, Sol Agra, lembrou que a Deputación ofrecerá “apoio técnico, formación e material de benvida” para garantir o éxito desta rede en toda a provincia.

Pola súa banda, a concelleira de Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret, animou á veciñanza a participar: “Queremos que estas sesións sexan o pulo definitivo para que moita xente perda o medo a falar nun contorno onde non se toleran actitudes de falta de respecto nin discriminación de ningún tipo”.

Compromisos de colaboración

Coa sinatura deste documento, de vixencia anual, o Concello comprométese a manter a actividade durante un mínimo de seis meses ao ano e a designar dinamizadores estables para o grupo. Pola súa parte, a área de Lingua da Deputación integrará ao grupo de Carballo na campaña provincial, e organizará encontros anuais lúdicos e culturais entre todos os grupos participantes.