A web oficial do concello de Carballo

A Biblioteca Rego da Balsa inaugurará o día 26 o Espazo Xoán Manuel López Eirís, un novo faro de coñecemento dedicado á arte teatral

A Biblioteca Municipal Rego da Balsa de Carballo dá un paso definitivo na posta en valor do patrimonio cultural local coa inauguración do Espazo Xoán Manuel López Eirís. Este novo recuncho, que se abrirá oficialmente o vindeiro 26 de marzo ás 19.00 horas, nace para albergar e difundir o legado bibliográfico doado polo recoñecido escenógrafo carballés Xoán Manuel López Eirís (1952-2017).

A colección, que o propio Eirís comezou a entregar en 2014 baixo a premisa de que “sempre fun da idea de que este tipo de cousas é mellor compartilas que telas na casa”, está composta por máis de 2.500 volumes entre as dúas quendas de doazón.

Trátase dun fondo especializado de excelente calidade que percorre a historia das artes escénicas desde os clásicos gregos e latinos ata as vangardas máis contemporáneas.

Entre os materiais destacan:

  • Edicións de luxo e facsímiles: obras sobre escenografía, vestiario, maquillaxe e artes afíns como o cine e a ópera.
  • Fondo shakespeariano: unha das seccións máis ricas da biblioteca, con centos de exemplares en diversas linguas, críticas e textos inéditos do autor inglés.
  • Teatro galego e portugués: edicións de autores como Álvaro Cunqueiro, Ricardo Carballo Calero, Vicente Risco ou Manuel Lourenzo.

Polo seu valor histórico e artístico, o Espazo Xoán Manuel López Eirís funcionará como sección de consulta en sala, asegurando así a protección e conservación destes exemplares únicos para as vindeiras xeracións.

Unha homenaxe ao “ex libris do teatro”

López Eirís, figura clave do teatro independente galego e cofundador da Escola Dramática Galega, mantivo sempre un forte vínculo coa súa vila natal e co Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT). Con este novo espazo permanente, a biblioteca réndelle unha homenaxe póstuma a un home que fixo da estética teatral a súa paixón e o seu legado.

Alén dos libros, o espazo contará coa exhibición de varios traxes de época que forman parte dunha doazón de CasaHamlet. Estas pezas foron deseñadas persoalmente por López Eirís e confeccionadas pola súa irmá, e amosan a mestría do escenógrafo carballés no deseño de vestiario e a súa capacidade para crear mundos sobre o escenario.

Acto de inauguración

O evento do día 26 de marzo contará coa presenza do alcalde, Daniel Pérez, entre outras autoridades locais, familiares do homenaxeado e representantes do mundo da cultura. A xornada, aberta a toda a veciñanza, terá un marcado carácter artístico coa intervención da compañía CasaHamlet, estreitamente ligada á traxectoria vital e profesional de López Eirís, que ofrecerá unha actuación especial para celebrar a apertura deste novo faro de coñecemento en Carballo