A web oficial do concello de Carballo

As mensaxes da veciñanza converten o “Carballo da igualdade” no símbolo da celebración do 8M

O mercado municipal de Carballo acolleu este domingo o acto central da programación do Día Internacional das Mulleres, unha xornada aberta á participación da veciñanza que combinou reivindicación, actividades para todas as idades e música.

A mañá comezou pouco despois do mediodía coa benvida regueifada de Lupe Blanco e coa lectura da declaración institucional do 8M, na que participaron Maica Ures, do BNG; Sheila Cotelo, do PP, e Mª Carmen Vila, do PSOE, en representación dos tres grupos da corporación municipal que subscribiron o texto. O manifesto pon o foco nas vidas cotiás das mulleres que sosteñen a sociedade e lembra o lema impulsado polas Nacións Unidas para este ano, Dereitos. Xustiza. Acción, como chamada a avanzar cara unha igualdade real.

Durante a xornada desenvolvéronse diversas actividades para a veciñanza. Un dos espazos máis participativos foi o obradoiro “Carballo da igualdade”, no que as persoas asistentes escribiron mensaxes en follas con forma de carballo para crear unha árbore simbólica pola igualdade. Respecto e igualdade para todas as mulleres ou Que cada nena poida ser o que queira ser son algunhas das reivindicacións que enchen o carballo grazas as achegas da rapazada e de moitas persoas adultas, entre elas o alcalde, Daniel Pérez, e varias concelleiras e concelleiros.

A mañá rematou cun ambiente festivo coa sesión vermú musical, amenizada por la dj Sara Pose e unha degustación organizada coa colaboración de Bodegas Carballo.

A celebración reuniu á veciñanza nunha mañá de convivencia e reflexión arredor da igualdade no marco do 8M.